RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Paco Zas preséntase aos equipos: "Se eles o dan todo no campo é indiscutible que a afección os vai a apoiar"

O novo presidente do Real Club Deportivo, Paco Zas, acompañado por todos os membros do seu consello de administración, visitou este mediodía a Cidade Deportiva de Abegondo para saudar ao cadro deportivo e persoal da instalación deportivista. Previamente, na sede do Club na Praza de Pontevedra coñecera aos empregados do Deportivo antes de manter unha breve reunión cos executivos branquiazuis.

Xa no vestiario de Abegondo, o primeiro que quixo foi transmitirlles aos futbolistas que "o Deportivo sempre vai defender aos seus xogadores independentemente de que a xustiza poida tomar as decisións que poida tomar, pero un xogador do Deportivo ten que saber que se ten un problema váiselle a defender", en relación á situación de Íñigo López.

A partir de aí quixo deixar claro que “canto menos interveña o presidente no vestiario será mellor para todos e transmitirlles o que creo que sente a maioría da afección que é que despois do triunfo ante o Mallorca ten que servir de punto de inflexión para dar absolutamente todo no campo nestes dous partidos que nos quedan. Estes dous partidos non van volver nunca máis e teñen que xogalos coma se fose o último".

Zas viu un “grupo unido, que levan moi ben, gústalles manter o segredo do vestiario, pero non puidemos profundar”. Tamén falou da comuñón entre equipo e deportivismo “A unión que se ten que producir entre o público e o equipo. Se eles o dan todo no campo é indiscutible que a afección os vai a apoiar”.

Reflexionando sobre as intensas últimas doce horas quixo aclarar que “produto dos nervios cometín a equivocación de contestarlle a un accionista e desde aquí pídolle perdón e en xeral a todos os accionistas por esa actitude e seguro que non vai volver a pasar. Máis aló diso resultoume unha noite bastante gratificante”.

Por último, nas instalacións onde traballa a diario #anosacanteira afirmou que “nós temos que transmitir unha mensaxe clarísima: temos que centrarnos en controlar o que temos en Galicia e se atopamos algo mellor que o que temos aquí temos a obrigación de aproveitalo”.

Pola tarde, o presidente deportivista regresou á Cidade Deportiva de Abegondo para saudar a todos os membros do Fabril e o Deportivo ABANCA antes das súas sesións de adestramento do día.