RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Partido grande mañá para o Dépor ABANCA coa visita do Real Madrid a Abegondo

Cita con maiúsculas para o Deportivo ABANCA, que recibe a visita do Real Madrid á Cidade Deportiva mañá sábado 27 ás 12:00, en encontro correspondente á 24ª xornada na Primera Iberdrola.

Manu Sánchez conta coas baixas de Athenea del Castillo, sancionada por acumulación de amoestacións; e de Carolina Arbeláez, lesionada.

Por contra, o técnico deportivista incluíu ás canteirás Eva Dios, María Figueroa e Sara Álvarez entre as 20 citadas.

As ex deportivistas Tere Abelleira e Misa regresan a Abegondo vestindo a camiseta do Real Madrid. Precisamente Sullastres referiuse onte ante os medios de comunicación na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR á futbolista galega: "Gustaríame que estivese connosco pero alégrome que lle vaia ben".

Haberá unha representación de #ANOSAFORZA en Abegondo, segundo o protocolo sanitario; circunstancia que onte Esther Sullastres aseguraba que "se nota moitísimo".

En primeiro lugar o Real Club Deportivo lembra aos afeccionados que antes de desprazarse a Abegondo deben comprobar se poden viaxar até as instalacións desde os seus lugares de residencia.

Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19.

Tamén por protocolo COVID cada asistente deberá pasar un control de temperatura, hixienizar as súas mans, portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada no punto de control de accesos (estará identificada cun adhesivo verde de ASENTO DISPOÑIBLE) e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños. Non haberá servizo de bar nin está permitido introducir e consumir alimentos ao interior da Cidade Deportiva), respectando en todo momento a distancia de seguridade de 1,5 metros nos controis de acceso e durante a permanencia no interior da instalación.

Finalizado o partido, o Dépor ABANCA descansa o domingo 28. O cadro regresa aos adestramentos o luns 29 ás 17:30 horas.