RCD / NOVAS

Patri López confesa que "queremos romper a mala xeira" e advirte que ante o Sporting Huelva "non é a vida ou morte"

01/03/2021 20:07

Unha das capitás do Deportivo ABANCA, Patri López, compareceu esta tarde en rolda de prensa en Abegondo.

De novo no once titular o pasado domingo ante o Rayo Vallecano, a futbolista coruñesa asegura que "volver xogar sempre é ilusionante. Sempre tes ganas de achegar o máximo posible ao equipo".

Laméntase dos tres tantos recibidos polo conxunto deportivista o pasado domingo na Ciudad Deportiva Fundación Rayo Vallecano: "Encaixar goles non lle gusta a ninguén pero temos que seguir traballando, corrixindo os erros. Esperemos que nos próximos partidos encaixemos menos".

De feito, confesa que no vestiario "temos moitas ganas de que chegue o mércores", data do encontro ante o Sporting Huelva en Abegondo (18:30, #Vamos), correspondente á 17ª xornada da Primera Iberdrola. "Queremos romper esta mala xeira de resultados que estamos a ter. Vimos dun partido que nos esixiu bastante pero estamos preparadas. A semana de descanso traballamos moi duro. Estamos preparadas e con moitas ganas", engade.

Do mesmo xeito que Manu Sánchez, Patri López relativiza a transcendencia do partido ante as andaluzas: "Temos que saír a gañar pero como con calquera outro. Quedan bastantes partidos desta segunda volta. Como dixo o míster na rolda de prensa anterior, estamos nunha estación na que pasan trens. Aínda que perdamos este partido, que esperemos que non, pasarán máis trens e tentaremos ir gañando os máximos partidos posibles. Non é a vida ou morte", conclúe.

Cre a polivalente futbolista do Deportivo ABANCA que o Sporting Huelva "chegará con moitas ganas, como nós. Perder no último minuto (como lles ocorreu ás onubenses no último partido ante o Levante UD) doe e queda aí como algo cravado. Pero nós tamén temos moitas ganas de gañar. Aínda que non perdemos no último minuto, tamén nos doeu moitísimo a derrota ante o Rayo Vallecano. Os dous equipos iremos a polo partido pero espero que os tres puntos queden en Abegondo".