RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Paula Gutiérrez asegura que no Dépor ABANCA "está a formarse algo moi bonito"

Paula Gutiérrez, unha das goleadoras do pasado domingo co Deportivo ABANCA en Badalona, pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo nunha semana sen competición oficial en Reto Iberdrola.

Conta que ao marcar o gol que inclinaba o partido ao lado deportivista sentiu "unha sensación moi grata, e máis cerquiña de casa (é natural da localidade barcelonesa de Viladecáns) e coa miña familia na bancada".

O triunfo sobre o CE Seagull deixou boas sensacións no grupo, tal e como apunta a mediocentro deportivista: "Cada equipo da categoría é moi perigoso e xa vimos resultados cada semana que non son os esperados. Entón a partir de aí afrontar cada semana como un reto e loitar polo que queremos todas a final de temporada. Sempre temos que ter esa concentración necesaria e xogar cada partido coma se fose unha final".

Admite que é "sorprendente que aínda que o grupo sexa practicamente novo, está a formarse algo moi bonito. Estamos a levarnos moi ben e apoiámonos entre todas. Iso ao final é a clave da temporada. A partir de aí, todo o que estea a depender da nosa man facer o posible para que veñan os bos resultados".

Nova en Abegondo, Paula explica que o Deportivo ABANCA é "un Club historicamente moi grande e ao final esa motivación que require vir aquí a un xogador mólalle. Desde que chegamos acolléronnos moi ben todo o mundo, calquera cousa que necesitamos déronnola, así que pola miña banda estou moi contenta e moi agradecida pola benvida e por todo".

Após coincidir con Miguel Llorente varias temporadas no FC Barcelona B, explica que "o que nos propón xogar é moi parecido ao que a min gústame: ter o balón o máximo de tempo posible, ser máis xogadoras que o equipo contrario e a partir de ter o balón, pois as ocasións chegan soas. Canto menos teña o balón o equipo rival menos dano vaiche a facer".

A nivel persoal, e na súa primeira comparecencia ante os medios de comunicación, Paula Gutiérrez recalca sobre o seu fútbol que "desde moi pequena sempre me gustou ter o balón. O estar tanto tempo no FC Barcelona, é a maneira de xogar alí, e por narices tense que acabar inculcando".