RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pedro Mosquera confía en que "este ano demos un saltiño e esteamos máis tranquilos"

Pedro Mosquera, un dos capitáns do primeiro equipo a temporada pasada, foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Do mesmo xeito que dixo onte Pepe Mel, "está claro que o que temos que facer é mellorar o da temporada pasada. Niso estamos", recalca o futbolista branquiazul.

Nesta liña, confía en que "este ano demos un saltiño e esteamos máis tranquilos, sobre todo a final de temporada".

O mediocentro coruñés manifestou que nestes primeiros días de pretemporada "as sensacións son moi boas. Desde o primeiro día a xente está moi enchufada e os adestramentos están a ser moi amenos, moi divertidos e moi esixentes".

Confesa estar moi pendente da adaptación de Fede Valverde, o primeiro reforzo desta temporada: "Onte paseille o meu teléfono. Son de aquí e podo axudar. É moi bo rapaz e vaise a adaptar moi ben". A nivel futbolístico, apunta que "nas poucas cousas que lle vin con balón ten potencial. Pode ser un xogador que nos axude moito".

Respecto dunha hipotética chegada de Lucas, Mosquera opina que "é un gran xogador, que nos deu moito en anos anteriores. Pode ser unha boa incorporación, pero sabendo que é moi difícil".

Sobre a saída de compañeiros como Lux e Laure, Pedro Mosquera subliñou que "a xente está moi agradecida de todo o que fixeron aquí. Eu que convivín con eles os dous últimos anos, deixárono todo polo Club. É unha pena porque é xente á que lle teño moitísimo agarimo. Son amigos e é unha pena que se vaian. O fútbol é así. Hai veces que tes que irte, por uns motivos ou por outros".

Recoñece que lle ilusionaría ser o primeiro capitán: "A calquera persoa da Coruña que lle digan que pode ser capitán do Dépor sería unha ilusión enorme, pero sabendo que este tema non está tratado, non sabemos quen van ser os capitáns. Non sei como vai ser a elección. Se teño que representar ao primeiro equipo da miña cidade tanto dentro como fóra do campo, tentareino facer o mellor posible".

A nivel particular, explicou que tivo dúas fases nas súas vacacións: "A primeira para desconectar un pouco. E estes últimos días o traballo que nos pasou o Club púideno facer con Iago Iglesias, que xogou no primeiro equipo do Dépor e que me axudou moitísimo. Cheguei ben de graxa, de peso, de todo. Ilusionado por poder facelo ben esta temporada".