RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pedro Mosquera lembra que "xogar diante da nosa xente sempre nos dá un plus enorme"

Pedro Mosquera, capitán do Deportivo, asegura que "somos conscientes de que levamos moi bos números no Estadio ABANCA-RIAZOR e imos tentar gañar o máximo posible. Pero tampouco cando chegue un empate volvernos tolos".

Neste sentido, o centrocampista coruñés recomenda "ser cabais e tentar cando as cousas vaian moi ben non botar as campás ao voo nin cando se empate pareza que todo está mal".

Iso si, deixa claro que "xogar diante da nosa xente sempre nos dá un plus enorme. Esta fin de semana tentaremos aproveitalo", comenta en referencia ao partido deste domingo 16 de decembro ante o Real Zaragoza (20:30 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV).

Precisamente danse cita os dous clubs máis laureados da categoría, sumando ambos 15 títulos, cunha Liga, Copas do Rei, Supercopas de España e unha Recopa de Europa: "Son dous equipos históricos que están a loitar por estar outra vez na máxima categoría. Esperemos que nós o ano que vén esteamos aí arriba".

Do partido, advirte Pedro Mosquera que o Zaragoza "é un equipo chamado a estar arriba, pero tivo un principio de temporada complicado. Ten bos xogadores e seguro que van ir cara arriba. Esperemos que a partir da próxima fin de semana".

Sobre a traxectoria na liga, con só 1 derrota pero varios empates, opina que "temos que perder os mínimos partidos posibles. Iso estámolo facendo ben. Isto é moi longo. Non perder sobre todo fóra de casa pode ser positivo de cara a futuros choques que podamos ter".

A pesar da igualada da pasada fin de semana ante o CD Numancia, está convencido o futbolista branquiazul que "ABANCA-RIAZOR segue sendo un fortín. Non por empatar un partido vai cambiar isto. Segue sendo e vai ser así toda a temporada".