RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pedro Mosquera pide ante o Real Madrid sacrificio en defensa e valentía en ataque

Pedro Mosquera foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Apunta o centrocampista coruñés que o equipo chega ao primeiro partido de LaLiga Santander, este domingo 20 de agosto ás 22:15 horas (Movistar Partidazo) no Estadio ABANCA-RIAZOR, "moi ben. Foi unha semana moi boa en Vilalba e en Tenerife. Foi unha experiencia positiva para todos e creo que chegamos nun bo momento".

Asegura Mosquera que "desde o primeiro día que chegamos o ambiente foi moi bo, tanto da xente que xa estabamos como a xente que veu. A xente que veu máis tarde integrouse moito mellor do que estaba. E serviunos para coñecernos un pouco máis e facer máis piña aínda".

Esta temporada primeiro capitán, opina o '5' deportivista que "é un orgullo para calquera coruñés ser o capitán do Deportivo, do primeiro equipo e de calquera equipo da canteira. Tentarei representar ao Club o mellor posible tanto dentro como fóra do campo. Tentarei que haxa harmonía, bo ambiente, tanto no equipo, como no Club e na afección. Iso é o que imos tentar, e facer un bo ano e unha boa temporada".

Do Real Madrid, di que "non nos ten que asustar pero respectamos moito a calquera rival e ao Real Madrid aínda máis porque chega nun momento incrible. Nestes dous últimos anos e o inicio do terceiro son espectaculares e aínda encima veñen moi rodados de xogar partidos importantes tanto en Estados Unidos como aquí. Xa xogaron partidos de primeiro nivel e van vir cun bo ritmo que nós temos que contrarrestar coas nosas armas".

Para iso, advirte Mosquera que ante o actual Supercampéon de Europa, "temos que ser máis sacrificados que eles sen balón e con balón ser valentes".

Apunta que fronte aos brancos "pode pasar de todo. É un equipo que che deixa ter máis o balón que o Barcelona pero sabemos que nese momento que te confías, que parece que estás a xogar ben, que estás a chegar, aí eles teñen xente moi rápida á contra. Hai que ter coidado, hai que saber ler ben o partido, saber cando estar pechados, cando estar abertos. Temos que ser intelixentes para facer un bo partido e estar metidos o noventa minutos".