RCD / NOVAS

Pedro Mosquera quere que a afección "volva ilusionarse con este equipo"

17/04/2019 19:21

Pedro Mosquera compareceu esta mañá ante os medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

O capitán deportivista reitera que a mensaxe desta semana "é o de Álex de onte. Temos que gañar como sexa" ao Extremadura UD, este domingo 21 de abril en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, LaLiga 1|2|3). "O equipo está moi concienciado. Estamos todos a un tempo, para tentar facer un bo partido, non só gañar. E convencer á afección, que volva ilusionarse con este equipo", engadiu.

Insiste o mediocentro coruñés que "temos que gañar este partido como sexa. E niso temos a cabeza, en conseguir os 3 puntos, dar unha alegría á afección e encarar esta recta final de temporada, que aínda quedan bastantes partidos para estar aí arriba".

É máis, advirte que "dependemos de nós mesmos. Se facemos un bo final de temporada imos estar aí arriba. Así que a xente está con moita ambición de poder estar o máis arriba posible, sabendo que depende do noso traballo, de que nós fagamos as cousas ben neste tramo. A xente está súper motivada".

Pedro Mosquera non descarta nada, incluso o ascenso directo: "Quedan moitos puntos, isto é fútbol. Poden pasar moitas cousas sobre todo cando quedan aínda bastantes partidos, moitos puntos por sumar. O que temos que facer é gañar esta fin de semana, e se imos paso a paso, gañando puntos, a clasificación diranos o que podemos optar".

Está convencido que o equipo non sente vertixe nos partidos en ABANCA-RIAZOR, ao reves, "motívanos xogar en casa. Os afeccionados sempre nos axudan, están connosco. É o momento de darlles nós moito dentro do campo para que eles estean orgullosos do seu equipo. Esta fin de semana si ou si vai ser este partido".

Máis novas de: PEDRO MOSQUERA