RCD / NOVAS

Pedro Sánchez espera "o mellor rendemento de todos na fase máis importante da temporada"

08/05/2019 20:46

Pedro Sánchez pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo. Autor do gol do triunfo o pasado sábado en La Romareda, "a un mesmo e ao equipo vénnos moi ben", apunta.

A pesar da mala serie de partidos que acaba de superar o Deportivo, o atacante branquiazul asegura que "sempre houbo alegría no vestiario. Por circunstancias ás veces non conseguimos o que queremos, que son as vitorias. Pero hai que levalo da mellor maneira para volver ao camiño".

Advirte que "estamos na fase máis importante. Esperemos dar o mellor rendemento todos e iso vainos a vir ben para este tramo final".

Bo coñecedor da categoría, non ve diferenzas esta temporada con respecto a outras anteriores: "Todos os anos a estas alturas son iguais. Os que están por abaixo pelexando téñeno difícil para poder conseguir esa salvación; e os que están a pelexar por arriba teñen complicado meterse entre os mellores. A nós custounos nos últimos meses. Só pensar en chegar o mellor nas dúas últimas xornadas, a ver que pasa".

Coa clasificación na man, Pedro Sánchez pide "ser realistas porque estamos a sufrir por entrar no playoff. Imos tentar conseguir esta semana 3 puntos e logo miralo doutra maneira. Pero hai que ser realistas. Estamos a tentar meternos no playoff".

Non quere confianzas de ningún tipo aínda con dúas vitorias consecutivas. É máis, lembra que "ante rivais téoricamente máis alcanzables (Rayo Majadahonda e Extremadura UD) déronnos en toda a cara. Isto é a Segunda División". Agora, ante un rival directo, o Cádiz CF este domingo 12 de maio en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, Movistar Partidazo), espera un partido "moi difícil, moi competitivo. Sabendo ao que eles xogan, hai que ser un pouco máis pillos e listos que eles para conseguir esa vitoria".

Do conxunto gaditano, di que "levan toda a liga xogando así, de memoria. Temos que lelo moi ben para conseguir esa vitoria".

Non ten dúbidas de que a afección o domingo "vai estar aí como estivo durante todo o ano. Ao final o público é normal que estea desgustado por estes dous meses".

A nivel persoal, Pedro opina que "me gusta moito superarme nas adversidades", en forma de lesións ou suplencias. "O máis importante é axudar no que poida de aquí ao final", conclúe.

Máis novas de: PEDRO SÁNCHEZ