RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Peke confesa que a citación internacional foi "unha sorpresa e estou moi contenta"

Peke foi a protagonista esta mañá na sala de prensa virtual do RC Deportivo, unha vez confirmada a súa convocatoria coa selección española para o choque ante Moldavia este mesmo mes de setembro.

Cre que "ao final cando fas unha boa temporada sempre está a posibilidade de poder ir á selección. Non o esperaba. Foi unha sorpresa e estou moi contenta".

Para a dianteira deportivista esta chamada supón "un premio a todo o traballo de todos estes anos. É como un soño. Nunca sabes se pode chegar. Esta vez chegou e a gozalo".

Sente "unha mestura de alegría, nerviosismo, ganas; pero sobre todo teño moitas ganas de gozar o momento, a convocatoria e tentar facelo o mellor posible".

Alégrase tamén pola presenza da ex deportivista Tere Abelleira: "Sabiamos que tarde ou cedo lle chegaría esa oportunidade. Estou moi contenta de poder compartilo con ela".

Sobre a competición na Primeira Iberdrola, opina que "dividir en dúas a liga é un paso atrás. Ten que seguir como até agora, un único grupo. Este ano con dous equipos máis, pero ten que seguir como até agora".

Tamén destaca que "empezar en outubro é un atraso pero hai que ver o lado positivo que é que empece a liga. Xa que non se puido empezar en setembro, que non se atrase moito máis".

Espera Peke desta próxima temporada "a nivel grupal consolidarse en Primeira e tentar facer o que fixemos a temporada pasada. Temos que ter esa ambición e esas ganas de mellorar eses números. É verdade que cada temporada é máis complicada, hai máis nivel pero o Dépor ABANCA ten que estar aí para quedar".

A nivel persoal non se marca ningún obxectivo, "simplemente tentar achegar o máximo para axudar ao equipo a estar o máis arriba posible. Nada máis".

Finalmente, conta que "ante os casos positivos o Club está a actuar como nos mandan. Todo o vestiario está tranquilo. Ninguén está parado, todo o mundo está a facer o seu traballo. A cousa é adaptarse a esta situación que se pode dar durante toda a temporada. Todo o mundo está ben. Nada grave".