RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel: "As palabras xa son baleiras. Chegou o momento de actuar"

Pepe Mel manifestou esta mañá na sala de prensa de Riazor que está seguro que cun punto nos dous partidos que restan para finalizar LaLiga bastaría para asegurar a permanencia, "pero nós temos que ir gañar 3. E cando veña o seguinte partido temos que ir gañar 3. Outra mentalidade é de ser moi pobres. O que pasa é que as situacións che minguan", advertiu.

O técnico deportivista asegura que "cando pitou o árbitro o final do partido ante o Espanyol estabamos todos moi mal. Ademais pensamos que era inxusto. Doéronnos as formas, a maneira. Creo que fixemos o suficiente para conseguir ese punto como mínimo. Ese día estabamos moi mal. Ao día seguinte houbo que levantar aos futbolistas. E aos poucos a semana vai pasando, as cousas vense doutra forma. Traballas ben".

Insiste en que os xogadores "son os primeiros interesados en que o seu traballo salga ben. Ninguén vai ao traballo querendo que as cousas saian mal nin lle dá igual que as cousas saian mal. Ademais, este que está aquí sentado non o permitiría, porque o meu traballo e todo o que iso leva tamén está en xogo".

En Vilarreal (20:00, Bein Sports), "esperamos un rival moi duro, un rival que se xoga cousas e que fai as cousas ben. Está nunha clasificación idílica visto desde abaixo. Pero temos que ir competir e poñerllo moi difícil".

O adestrador branquiazul tivo palabras para a afección deportivista, preguntado sobre o seu posible escepticismo acerca das posibilidades de puntuar do Deportivo en Vilarreal: "Sufriu demasiado xa como para pedirlle un acto de fe. Os que teñen que crer son os xogadores e o corpo técnico. Porque ao final o corpo técnico ten incidencia ata un segundo antes de que o árbitro pite, e cando o árbitro pite, o corpo de futbolistas ten que crelo a matar".

Nesta liña, subliña Pepe Mel que ao deportivismo "non podemos pedirlle nada. Estamos en débeda con eles por mil cousas e con nada que o equipo deu contra o Espanyol na segunda parte, demostraron que cren, que están connosco, que se envorcan connosco. Pero xa non é momento de palabras, non é momento de dirixirnos á afección. As palabras xa son baleiras. Chegou o momento de actuar, de facer cousas, conseguir ese punto e deixar o pesimismo fóra".