RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel: "O Dépor é moito máis grande que buscar o obxectivo da permanencia"

O técnico branquiazul, Pepe Mel, advertiu que o RC Deportivo "é moito máis grande que buscar o obxectivo da permanencia", polo que insta a "traballar todos" co fin de "facer o mellor Dépor posible".

O preparador deportivista insistiu en que "temos unha débeda coa xente. Creo que un partido non tapa a temporada. Temos que sacar conclusións para non caer nos mesmos erros no futuro".

Sobre o partido ante a UD Las Palmas, Mel afirmou que "queriamos que a xente puidese sorrir un día. O equipo estivo intenso, os futbolistas entenderon a forma na que podiamos facerlle dano a Las Palmas". "Xogariamos máis ou menos, pero o equipo estivo entoado e deuno todo", insistiu.

"Era un marrón xogar contra un equipo que ten a pelota, e tena, e tena, cando nós tiñamos que demostrar todo o que dixeramos, que era que nos pesaban as pernas polo abafo da puntuación. Hoxe non o tiñamos, por tanto debiamos demostrar que estabamos no certo. A pena foi que só hoxe puidemos xogar así, sen a obrigatoriedade de puntuar", analizou sobre a soltura coa que se desenvolveron os seus pupilos fronte ao conxunto canario.

Falou Mel sobre o futuro, con rotundidade. "O Dépor é moito máis grande que buscar o obxectivo da permanencia. Para iso imos traballar todos, para facer o mellor Dépor posible cos recursos que temos", afirmou.

O adestrador deportivista quixo matizar o ocorrido tras a permanencia lograda na pasada xornada no Estadio de la Cerámica. "En Vilarreal non estabamos a celebrar a permanencia, a salvación do Dépor non se pode festexar. Estabamos a festexar a tranquilidade, porque nos quitamos un peso de encima", argumentou.

Por último, Mel avanzou sobre a próxima pretemporada que o equipo xogará o 30 de xullo no Estadio do Dragao contra o Porto e que seguramente o cadro pase unha semana en territorio portugués.

Pola súa banda, Quique Setién, adestrador da UD Las Palmas, lamentou que o seu conxunto a pesar de ter "o control do balón practicamente todo o partido" fose "un equipo inofensivo" na súa visita a Riazor.

"A realidade é que viñamos con moitas ganas a este partido. O equipo no que sabe facer estivo ben. Foi unha pena ese primeiro gol que encaixamos. Tivemos o control do balón practicamente todo o partido. Con todo, ao final fomos un equipo inofensivo e penalizáronnos moitísimo os catro erros que tivemos", comentou o técnico do equipo grancanario.