RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel: "Todos temos que tentar que a temporada que vén sexa moi diferente a esta"

Pepe Mel manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "estamos en débeda coa xente. Temos un partido polo menos para tentar empezar a pagar esa débeda", en alusión á visita da UD Las Palmas a Riazor, mañá sábado 20 de maio ás 19:00 horas (Bein Sports).

Entende as críticas dos afeccionados branquiazuis: "O espectador reacciona segundo o que ve. Tennos que servir de acicate para mellorar, para incrementar o traballo dentro de todos os estamentos do Club, para que as cousas saian mellor. Esa é a dispoñibilidade que temos todos, estar á altura que eles demandan".

Confesou que unha vez finalizado o encontro en Vilarreal, que supuxo a permanencia matemática do Deportivo en LaLiga Santander, "empezamos a traballar no futuro. O proxecto que a min se me presentou non era de tres meses, era de futuro, e dun futuro prometedor, un futuro de tentar facer as cousas ben. A partir deste luns empezaremos a falar de nomes propios. O protagonismo a partir do luns é do Director Deportivo, non meu".

O obxectivo é que "a temporada que vén sexa moi diferente a esta. Niso estamos de acordo todos, afección, Presidente, Director Deportivo, adestrador e por suposto os futbolistas que saben que o Deportivo non se pode conformar con salvar a categoría un partido antes de que termine a liga. Todos temos que aspirar a moitas máis cousas".

Insiste en que "o obxectivo do Deportivo non pode ser salvarse no último partido. Entendo que o afeccionado do Deportivo, o afeccionado que segue ao Dépor hai moitos anos e que o leva dentro non estea contento con isto. Por iso o compromiso é recibir esa mensaxe. Seriamos xordos e moi malos profesionais se á xente que nos está marcando o camiño, que é a nosa xente, non lle fixésemos caso".

Nesta liña, subliña que "todos no Club temos que tentar que a temporada que vén sexa moi diferente a esta. Quero traballar desde xa para que o futuro sexa moito mellor. O pasado váleche para aprender, é o que temos que facer".

Apunta que "todos entendemos á afección. Non son un bicho raro do Club. Todos sabemos que estamos en débeda con eles. Un espectador que paga unha entrada ou que vai ver un espectáculo reacciona segundo o que ve. A mensaxe está clara. O que viron non lles gustou. É o Club o que ten que reaccionar ante isto".

É máis, ve decepción na bancada porque "esperaba un Dépor máis protagonista na liga. Eu son un profesional ambicioso e queremos que todo o que veña aquí teña a mesma ambición para que o futuro sexa mellor. É un traballo que estamos a empezar a construír xa, coa base que hai, tentar elevar o nivel de cousas que nos fallaron, e devolverlles esa débeda que temos con eles".

Insiste en que "a mensaxe da afección é meridiano, é clarísimo. É moi fácil de entender. Só queren que nós melloremos as prestacións que estamos a dar. Sen ningunha dúbida o Deportivo non está ao nivel que merece".

Do partido de mañá sábado, último partido desta liga, Pepe Mel confirmou a presenza de Davy Roef na portería, no que será debut oficial do porteiro belga cedido polo Anderlecht; e do capitán Laure no lateral dereito.

Tamén explicou Pepe Mel que, nada máis finalizar o encontro, o primeiro cadro márchase de vacacións, que se prolongarán, se non hai modificación, ata o mércores 5 de xullo.