RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Peru cre que esta vitoria "nos ten que dar ás" e Dani Giménez ve "un bo punto de inflexión"

Peru Nolaskoain e Dani Giménez pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.

O mediocentro deportivista, autor do gol da vitoria na última xogada do encontro ante o CD Tenerife, sostén que "levabamos moito tempo traballando en silencio, esperando unha vitoria así. Era o día idóneo. Estaba escrito esta vitoria no último minuto. Contento polo persoal pero sobre todo polos 3 puntos".

Confesou sentir "rabia" ao ver o balón dentro da portería tinerfeña, "porque levamos moito tempo sufrindo. Pasámolo mal. Tivémonos que apoiar uns a outros. É un día feliz. Temos que coller un impulso con esta vitoria para seguir adiante".

Nolaskoain ve a un vestiario "moi contento. Alégrome máis polos meus compañeiros que por min. Traballamos moito. Esta vitoria tennos que dar ás. Agora a desconectar en vacacións e volver con máis forza".

Pola súa banda, Dani Giménez recoñece que con este triunfo "imos gozar un pouco máis estes días, sabendo que non fixemos nada pero que pode ser un bo punto de inflexión".

O capitán deportivista opina que o partido foi "moi difícil, nun campo que estaba moi complicado. Na primeira parte o equipo estivo moi ben. Soubemos presionar, ser valentes. Logo ao final os resultados pesan, a tensión acumulada atenaza as pernas e custounos un pouco. Tamén eles tentaron circular o balón, presionar máis arriba. Ao final, cando parecía que iamos tropezar, un gol épico, unha vitoria épica e algo para agarrarse no futuro".

Conclúe Dani Giménez que "hoxe o equipo mereceuse a vitoria. Unha vitoria así sabe moito mellor. Agora temos uns días para saborear estes 3 puntos, que os necesitabamos".