RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Podemos medrar moito como equipo", opina Sidnei

Sidnei compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Advirte que os futbolistas branquiazuis "estamos a traballar cada día máis para mellorar. Podemos medrar moito como equipo".

Desvelou o central brasileiro que no vestiario "estamos contentos" co balance defensivo dos últimos partidos. "Temos que seguir nesta liña", apunta.

Con partido o luns 23 de outubro ante o Girona no Estadio ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Gol), confesa o defensor deportivista que "a semana é moi longa. Pero estamos a traballar ben para chegar ben o luns".

Preguntado polo porteiro nixeriano Francis, que debutou o pasado domingo en Ipurua, comentou que "está moi ben. É un rapaz que ten un potencial incrible. Estamos a tratar de axudalo para que creza moito como futbolista".

Valorou tamén a baixa no Girona do seu dianteiro centro Stuani: "É un gran xogador, un xogador importante. Pero nós imos facer o noso traballo da mesma maneira".

Cualificou como "novidade" a súa saída do equipo hai unhas semanas, cando quedou fóra da lista nalgúns partidos: "Seguín traballando como sempre. Estou contento de poder axudar aos meus compañeiros". Apunta que a decisión foi do técnico, "a min tócame traballar porque estou aquí para iso".

Sidnei referiuse tamén aos cambios por exemplo no centro da zaga, posición na que xa debutaron os catro centrais nos oito partidos: "Cando se ten un cadro tan bo como o noso, pasan cousas así. Nós temos que traballar e aqueles que saian ao campo, axudar ao equipo a conseguir os tres puntos".