RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Posta de longo do Dépor mañá sábado na LXXVII edición do Trofeo Teresa Herrera

A Dépor Xira Integral Motion 2022 fai mañá sábado 13 de agosto ás 20:30 un alto en ABANCA-RIAZOR con motivo da LXXVII edición do Trofeo Teresa Herrera entre o RC Deportivo e o FC Metalist Kharkiv de Ucraína.

Como o resto de pretemporada, o encontro retransmitirase en directo a través da canle oficial de Youtube do Club grazas ao patrocinio de Integralmotion.es.

Será a posta de longo do conxunto branquiazul na Coruña e a penúltima cita de pretemporada xa que o 20 de agosto o Dépor disputará o Trofeo Emma Cuervo ante o Unionistas de Salamanca CF en Ribadeo no peche da Dépor Xira Integral Motion.

Borja Jiménez conta coas baixas de Héctor, Ibai Gómez e Villares; ademais do canteirán Mella, que estaba en dinámica do primeiro equipo. Todos eles están con traballo individualizado.

Tampouco estarán por precaución Raúl Carnero e Olabe, que esta tarde adestraron co grupo.

En rolda de prensa onte, o adestrador branquiazul xa vaticinou que Raúl Carnero estaba na recta final da súa recuperación; e de Ibai Gómez apuntou que "a idea é que a mediados de semana estea a adestrar co grupo".

Yeremay e Jairo son os representantes de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 18 futbolistas.

A sesión de hoxe no Estadio serviu para que moitos dos futbolistas branquiazuis pisasen ABANCA-RIAZOR por primeira vez ou por primeira vez como xogadores do Dépor, caso de Ibai Gómez, Víctor Narro, Isi Gómez, Rubén Díez...

Após unha activación e roldo, o corpo técnico dispuxo unha tarefa de fútbol reducido, un partido a tres cuartas partes de campo, un exercicio de finalizacións e un ensaio de accións a balón parado para concluír.

Do rival, da Primeira División de Ucraína, o adestrador deportivista admitiu onte ante os medios ter "moi pouca información. Non coñezo porque son partidos de pretemporada. Estou moi centrado no que queremos facer co noso equipo, analizando as cousas e vendo os partidos que imos xogando onde podemos mellorar; coñecendo aos xogadores novos para ver como podemos adaptarlles ao que nós queremos; como nós nos temos que adaptar ao que eles dannos... Non teño ningún coñecemento do rival porque en pretemporada céntrome moito en que os xogadores teñan claro o noso e non falamos nada do rival. Durante o ano si, son bastante terco en que os xogadores teñan información do rival pero en pretemporada non sei absolutamente nada".

Coa visita do equipo ucraíno, o decano dos Trofeos regresa ás súas orixes, xa que naceu fai máis de tres cuartos de século como un torneo solidario e en homenaxe a Teresa Herrera, gran benefactora da cidade da Coruña.

Neste caso, o carácter solidario vén da man da participación do Metalist, equipo dunha das cidades máis castigadas pola guerra en Ucraína: Kharkiv. Por iso, a través dunha Fila 0, todos os Deportivistas, Coruñeses e afeccionados ao fútbol en xeral, poderán colaborar facendo a súa achega a través de AGA (Asociación Galega de Axuda a Ucraína).

A súa presidenta, Natalia Afonina coordinou co Metalist Kharkiv como se fará chegar esa axuda económica desde A Coruña, tanto ás familias dos veteranos do equipo afectadas pola guerra como ás decenas de familias que viven refuxiadas no Estadio do equipo ucraíno, polo momento, un dos lugares seguros da cidade. Após estas xestións para organizar o Teresa Herrera, AGA xa enviou un trailer de axuda ao Metalist e a Kharkiv para iniciar a colaboración que se completará coas achegas solidarias na Fila 0 AGA Ucraína: ABANCA ES7320800000723040270691.