RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Precaución, humildade, moito esforzo e traballo", as claves de Pedro Sánchez nesta recta final

Pedro Sánchez, un dos futbolistas con máis experiencia en LaLiga 1|2|3, manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "temos que fixarnos en nós mesmos, tentar facer as cousas mellor para poder estar a pelexar cos mellores".

O atacante deportivista advirte que "a Segunda División é moi difícil. Calquera equipo pódeche complicar a vida tanto en ABANCA-RIAZOR como fóra. É unha liga moi competitiva. Esperamos estar á altura, competir cada domingo o mellor posible".

Nesta liña, lembra que "de aquí ao final queda moitísimo. Moitos partidos. Pode pasar de todo, tanto para ben como para mal. Centrarnos en nós, en ser mellores que o rival cada domingo".

Recalca que "nos últimos 15 partidos aperta todo o mundo. Cada un sabe o que se está xogando. Vai ser moi difícil gañar en calquera campo, mesmo en ABANCA-RIAZOR tamén. Os equipos de arriba tampouco gañan fácil". "Cada xornada cambia moito. Unha semana velo dunha maneira e a seguinte doutra. Imos aguantar todo o que podamos para estar a pelexar aí arriba. Hai que ser cautos", engade.

Por este motivo, para o atacante deportivista, as súas claves para esta recta final son "precaución, humildade e sobre todo moito esforzo e traballo".

Admite que a vitoria este venres 22 de marzo ante a UD Almería en ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3) é necesaria "para sentirse mellor, para coller confianza, para todo. Imos tentar pelexar esa vitoria para darnos unha alegría tanto a nós como á afección. De aí seguir sumando de 3 en 3 e coller confianza".

Prefire non falar de obxectivos a longo prazo e si considera que "o principal é a UD Almería, que vai ser un partido moi difícil. Un equipo moi difícil de bater. Está a verse na táboa e nos partidos. Imos centrarnos neles e logo xa poderemos mirar cara a Asturias, cara a Oviedo; e non mirar o máis aló, que vai ser unha guerra".

A nivel persoal, Pedro Sánchez lamentouse de "as lesións que me impediron estar a axudar ao equipo. Agora só penso en estar o mellor posible para axudar cada partido".