RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Presentada a camiseta "Noite Meiga" e o novo deseño do bus para a próxima temporada

O Real Club Deportivo presentou, no incomparable marco das praias de Orzán e Riazor na Coruña na noite de San Xoán, dous novos elementos da temporada 2018-2019 que arrinca oficialmente o próximo 1 de xullo.

O anunciado previamente: a imaxe do autobús deportivista, un ano máis co nome do equipo, esta campaña gravado a lume na noite de San Xoán, coa lenda Meigas Fóra! e a raspa de sardiña deseñada por Antón Lezcano e construída coas torres máis representativas da cidade da Coruña.

Novamente, a unidade que transporta ao Dépor por toda España, de Autocares Vázquez, foi integramente rotulada pola empresa Mástil Noroeste Publicidad.

O autobús desvelouse ao fío da medianoite de San Xoán fronte ao hotel Meliá María Pita no medio dun espectáculo pirotécnico e de confetti que atraeu a centenares dos miles de persoas que a esa hora abarrotaban as rúas da cidade.

Até ese instante, os presentadores e actores José Antonio Touriñán e Eva Iglesias, conduciron un acto no que fixeron un percorrido polos outros elementos das campañas de imaxe desta temporada. A camiseta branquiazul "Alicerces 8 de decembro de 1906" e o anuncio "ADN Branquiazul", a camiseta "Letras Galegas 17 de maio" e o anuncio "Deportivista, con todas as letras", antes de chegar aos dous momentos sorpresa da noite.

O primeiro, o lanzamento do anuncio "Deportivistas, Meigas Fóra!", un esconxuro en clave branquiazul que serviu para felicitar a todos os seguidores unha noite tan especial. Acto seguido, con Miriam Ríos, capitá do Dépor Abanca e Uxío da Pena, do Fabril, presentouse o equipamento "Noite Meiga". Un uniforme vermello que degrada a un ton máis escuro, simulando unha fogueira, co nome da camiseta, a data 23-24 de xuño, e a "C" símbolo de Coruña baixo unha chama de lume, todo iso no pescozo, mentres que nas costas loce a mesma raspa de sardiña que o novo autobús.

Unha gran festa, a organizada polo Deportivo, dentro da xornada festiva por antonomasia da Cidade para conxurarse no inicio do camiño de volta ao lugar que corresponde ao Dépor.