RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Presentada a I Memoria de Sustentabilidade do Real Club Deportivo

O Estadio de Riazor acolleu este mediodía a presentación da I Memoria de Sustentabilidade do Real Club Deportivo, un traballo que volve situar ao Club na vangarda do fútbol español en canto a xestión corporativa, xa que tan só o Espanyol de Barcelona realizara ata este momento un informe similar.

MEMORIA DE SUSTENTABILIDADE RC DEPORTIVO

Os encargados de presentala publicamente ante representantes de diferentes grupos de interese (aos que se dirixen este tipo de traballos) e dos medios de comunicación foron o responsable da área Social do Club, Martín Pita, e o presidente, Tino Fernández.

Martín Pita repasou os aspectos máis técnicos da Memoria, destacando a motivación para desenvolvela: "Decidimos dar este importante paso adiante porque o desenvolvemento sustentable e a responsabilidade social atópanse hoxe en día entre os aspectos máis relevantes da xestión empresarial. As memorias de sustentabilidade ou informes de responsabilidade social constitúen unha ferramenta fundamental para calquera organización comprometida con fornecer á sociedade en xeral, e concretamente, aos seus grupos de interese, unha información clara, obxectiva e equilibrada de todas as súas actividades e/ou accións desde catro dimensións: bo goberno, económica, social e ambiental. A principal organización involucrada no proceso de estandarización das memorias de sustentabilidade é a Global Reporting Initiative (GRI). É unha institución independente cuxa misión é desenvolver e difundir guías para a elaboración de informes de responsabilidade social. As principais empresas do mundo basean as súas memorias nos estándares do GRI para a devandita elaboración e o RC Deportivo tiña que ser unha delas. Para nós é un orgullo presentar a nosa primeira memoria de sustentabilidade, en conformidade coas directrices do GRI na súa versión 4. Este documento avalía o noso desempeño como Club dentro das catro dimensións ao longo do período comprendido entre o 1 de xullo 2015 e 30 de xuño de 2016".

Pola súa banda, o presidente, Tino Fernández, fixo un repaso o máis destacado do que, a nivel de bo goberno e responsabilidade social corporativa, levou a cabo o Deportivo ao longo da Temporada 2015-2016. Poucos días despois do 110 aniversario do Club, Tino Fernández tamén profundou nas motivacións deste importante traballo: "nunha temporada tan especial para todos os que formamos parte do Real Club Deportivo como é a do noso 110 aniversario é para todos os que configuramos este proxecto común que é o Dépor, unha alegría poder publicar o noso primeiro informe de responsabilidade empresarial. Cando o 8 de decembro de 1906 os xogadores do Club Deportivo da Sala Calvet disputaban o seu primeiro partido da historia ante o Coruña, facíano simplemente como unha actividade máis das que se realizaban no céntrico ximnasio de Rúa Galera. Pouco máis dun século despois, aquela nova disciplina deportiva converteuse no fenómeno social máis importante do noso país. Ademais, aquí en Coruña, somos a única institución capaz de poñer de acordo a miles de persoas de toda condición para que, cada quince días, asistan cun obxectivo común ao espectáculo que move o corazón desta empresa de sentimentos: o fútbol. Pero ademais diso, o que sucede en cada partido, tras cada momento clave, ao final de cada tempada, inflúe claramente no estado de ánimo xeral da cidade e na contorna de cada un dos nosos seguidores. Somos un club deportivo cunha enorme capacidade de influencia na sociedade. Iso é para nós unha gran responsabilidade que asumimos inequivocamente desde o primeiro momento que comezamos a nosa andaina á fronte do Club. Por ese motivo potenciouse a área social da entidade ata dotala dos recursos necesarios para convertela no que xa é hoxe en día, o alicerce relacional do Real Club Deportivo con todo a súa contorna: accionistas, socios, seguidores, empresas e institucións. A cantidade de actividades que cada temporada se levan a cabo, o alcance que teñen, as posibilidades de desenvolver aínda máis todo o que o Deportivo move ao seu ao redor, merece ser recollido nun documento como este que hoxe vos presentamos para que todo o deportivismo coñeza e senta orgullo do que fai o Dépor máis aló de competir ao máximo nivel no fútbol español", concluíu o presidente antes de facer un repaso a todos os elementos que contén a Memoria de Sustentabilidade do Real Club Deportivo.