RCD / NOVAS

Presentada a nova temporada de LaLiga Genuine que arrinca a próxima semana en Tarragona

08/11/2019 09:30

A sede do Banco Santander en Madrid foi o escenario elixido para a presentación oficial da terceira temporada de LaLiga Genuine Santander, que contará con multitude de novidades.

Rami Aboukhair, conselleiro delegado de Santander España; Javier Tebas, presidente de LaLiga; e Vicente del Bosque, embaixador da competición desde a pasada temporada, foron os encargados de dar a benvida aos 36 clubs participantes que estiveron presentes durante o acto, entre eles o Dépor, representado por Pablo Barros, coordinador do equipo e Daniel Trasancos, xogador branquiazul.

Durante o acto, os futbolistas do Nàstic Genuine Rubén Almazán e Álvaro Cano, en representación de todos os xogadores e xogadoras da competición, presentaron as novidades coas que contará esta terceira temporada, que se dividirá en 4 fases celebradas en 6 sedes, a primeira delas na súa cidade.

A inauguración terá lugar en Tarragona (15, 16 e 17 de novembro) e a fase final celebrarase na cidade deportiva do Athletic Club (29, 30 e 31 de maio). Nestas dúas fases reuniranse os 36 equipos, mentres que na segunda e a terceira fase os equipos repartiranse en dúas sedes.

Os anfitrións da segunda fase serán o Sevilla FC (31 de xaneiro e 1 e 2 de febreiro) e o Real Betis Balompié (28 e 29 de febreiro e 1 de marzo). A UD Las Palmas acollerá a terceira fase (27, 28 e 29 de marzo), xunto co Sporting de Gijón (24,25 e 26 de abril).

Posteriormente, Rami Aboukhair, Javier Tebas e Vicente del Bosque entregaron as placas de benvida aos 6 novos clubs que debutarán en Tarragona por primeira vez: Real Betis Balompié, Cádiz CF, CD Tenerife, Elche CF, Granada CF e Getafe CF.

Para pechar o acto de presentación, todos os presentes bailaron a haka oficial de LaLiga Genuine Santander e animaron a todo o mundo a gozar con eles da competición durante toda a temporada.