RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Presentado o Calendario Histórico do RC Deportivo 2017 Xa á venda!

O Calendario Histórico do Real Club Deportivo 2017 presentouse onte na sala Cervantes da Librería Arenas coa presenza na mesa principal de Tino Fernández, presidente do Club, o xornalista Moncho Viña, condutor do acto e o autor da publicación, o tamén xornalista Rubén Ventureira, socio 979 do Deportivo. Entre o público destacou a presenza de Arsenio Igrexas, ex xogador e ex técnico branquiazul. Concluído o acto, todos eles asinaron exemplares do almanaque.

O presidente branquiazul destacou que as iniciativas que se están desenvolvendo con motivo do 110 aniversario do Club, como este Calendario Histórico contribúen "decisivamente ao fomento do deportivismo" e quixo agradecer a todas as persoas e institucións que están a levar a cabo accións con motivo desta efeméride "o seu esforzo desinteresado en favor do Deportivo".

O autor explicou que o almanaque é "unha Historia do Dépor contada de forma diferente". En concreto, trátase dunha recompilación do máis destacado ocorrido en cada un dos días do ano. En total inclúe máis de 700 feitos relevantes acontecidos entre a fundación do Club en 1906 e o traspaso de Lucas Pérez este ano. Trátase da segunda edición do Calendario Histórico. A primeira publicouse o pasado ano. Na de 2017, ademais de trece fotografas novas, actualizouse o contido coa inclusión de 82 novas efemérides da historia deportivista. O autor destacou que moitas delas son inéditas, pois se revela a primeira vez que o equipo vestiu de branquiazul (en 1910); o nome do primeiro adestrador do club, que foi Félix de Paz en 1925; ou a data e circunstancias do falecemento do fundador do Club, Federico Fernández Amor-Calvet, en 1933.

O calendario inclúe ademais un texto explicativo sobre a fundación do Club e un prólogo de Bebeto, no que esta lenda deportivista rememora a etapa do Súper Dépor, pois en 2017 cumpriranse 25 anos do seu nacemento.

As trece fotografas foron coidadosamente seleccionadas. A primeira páxina mostra ao Dépor pousando tras gañar o último Teresa Herrera, vestido coa camiseta gris réplica da de 1906. No interior, a través das imaxes en cor de Mero Barral, Pedro Puig e Tonecho, revívense grandes momentos históricos como a conquista da liga, o logro da primeira Copa, o Milanazo, a remontada en Riazor ante o PSG, a vitoria sobre este equipo francés no Parque dos Príncipes, o triunfo en Múnic ou unha foto do once inicial que bateu ao Real Madrid en 1992 dando orixe ao Súper Dépor. As imaxes en branco e negro da colección Bartolomé Chavert, Alberto Martí, e dúas da colección do autor preséntannos ao Deportivo da Sala Calvet xogando no Corralón da Palloza en 1907, a conquista do primeiro título galego en 1927 no parque de Riazor, unha panorámica do estadio de Riazor no ano da súa inauguración (1944), o primeiro once que puntuou no Bernabéu (1949) e unha acción ofensiva de Amancio.

O Calendario Histórico, editado por Publicacións Arenas, xa está á venda nas dúas Deportienda (Estadio de Riazor e Marineda City), a Librería Arenas e outros establecementos da cidade, ao prezo de 9,95 euros. Tamén se pode adquirir a través das páxinas web da Librería Areas e en deportienda.es.

Pulsa nesta ligazón e compra xa o Calendario Histórico do RC Deportivo 2017, un gran agasallo para este nadal.