RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Presentado o Memorial Antonio Meirás: o Silva-Dépor do sábado en Elviña

O Deportivo e o Silva disputarán o vindeiro sábado 15 ás 19:30 h. no Estadio Universitario de Elviña (UDC) a segunda edición do Memorial Antonio Meirás, partido que suporá a estrea de ambos os equipos esta temporada na Coruña.

O Silva SD fixou o prezo das entradas en 5€. Os tickets estarán á venda o mesmo día do encontro desde as 18:00 h. nos diferentes puntos habilitados de venda nos accesos do estadio, que abrirán as súas portas ao público ás 18:30 h. por dous accesos diferentes. Non existirá venda anticipada.

O partido foi presentado hoxe no Reitorado da Universidade da Coruña na Maestranza, polo reitor, Julio Abalde, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, o presidente do Real Club Deportivo, Tino Fernández, e o director xeral do Silva, Chechu Vales.

Abalde lembrou que "temos 18.000 mozos, potenciais deportistas, e esta relación con estas entidades é fundamental porque temos que ser capaces de que o deporte forme parte da vida cotiá dos nosos mozos", indicou o reitor.

Pola súa banda, o alcalde Xulio Ferreiro cualificou de "boa noticia que os principais clubs de fútbol da cidade teñan a ben colaborar neste torneo. Unha vez máis o Deportivo implícase no deporte da cidade e iso ten moito que ver coas relacións entre Concello e Deportivo e co convenio que asinamos nos últimos días. O compromiso do Deportivo é indiscutible coa cidade".

Para o presidente branquiazul, é "un motivo de alegría que dous clubs amigos, irmáns, da cidade poidan enfrontarse nunha oportunidade para ver como imos arrincando nesta pretemporada, para que se vexan as primeiras fichaxes. Seguramente virán máis" antes de pedir ao deportivismo que encha as instalacións do campo de Elviña.

Pola súa banda, o director xeral do Silva agradeceu ao Dépor que "sempre está para botar unha man cando se lle pide".

Estes son os 12 partidos confirmados ata o momento para a pretemporada do primeiro equipo:

3 de xullo, 19:30 horas: Racing Villalbés - Deportivo (A Magdalena, Vilalba)
14 de xullo, 19:30 horas: Arosa - Deportivo (A Lomba, Vilagarcía de Arousa)
15 de xullo, 19:30 horas: Silva - Deportivo (Campus Universitario de Elviña, A Coruña)
18 de xullo: Cerceda - Deportivo (O Roxo, Cerceda)
20 de xullo: Somozas - Deportivo (Manuel Candocia, Somozas)
22 de xullo: Bergantiños - Deportivo (As Eiroas, Carballo)
25 de xullo: Pontevedra - Deportivo (Pasarón, Pontevedra)
27 de xullo: Racing de Ferrol - Deportivo (A Malata, Ferrol)
30 de xullo: FC Porto - Deportivo (O Dragão, Porto)
3 de agosto: Real Oviedo - Deportivo (Carlos Tartiere, Oviedo)
5 de agosto: Deportivo - West Bromwich Albion (Estadio ABANCA-RIAZOR)
12 de agosto: Tenerife - Deportivo (Los Cuartos, La Orotava)