RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Primeira recollida de 15.000 tapóns de plástico en Riazor

No seu compromiso coa preservación do medio ambiente e coa solidariedade, o Real Club Deportivo realizou a primeira recollida dos tapóns depositados polos deportivistas nos colectores situados para ese efecto nas portas de acceso ao estadio tras seis encontros disputados en #anosacasa.

Un equipo de usuarios do Centro Especial de Emprego Aspaber, de Carballo, percorreron o estadio de Riazor para levar a cabo este traballo. Tras recoller o material, os traballadores de Aspaber (empresa de economía social que reverte os seus beneficios no seu proxecto educativo e asistencial para persoas con discapacidade intelectual) trasladárono á planta de xestión de residuos que a firma Gestán ten en Arteixo. Gestán colabora con esta campaña como xestor autorizado de residuos, acreditando o correcto tratamento dos tapóns tras a recollida. Ademais de emitir o correspondente certificado da xestión do residuo, a entidade encárgase de preparar os tapóns para convertelos en materia prima coa que elaborar novos produtos, reciclando o plástico e contribuíndo así á protección do medio a través da denominada "Economía Circular".

Pola súa banda, o Dépor elaborará un informe de seguimento da campaña cuxos datos definitivos en canto ao volume de tapóns recolleitos coñeceranse ao final da Temporada e incluirá na súa memoria de sustentabilidade.

Nesta primeira recollida, un total de 25 quilos de tapóns foron retirados de #anosacasa o que supón ao redor duns 15.000 tapóns de plástico. Para que un tapón de plástico se degrade teñen que pasar máis de 450 anos, por iso o Club destaca a colaboración de todos os deportivistas que acoden ao estadio á hora de facer un correcto uso dos colectores neste proxecto de sensibilización que está a desenvolver o Club dentro da súa política ambiental. Un proxecto que é posible grazas a Aspaber, Gestán, Grupo Externa e Aporta Comunicación.