RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Primeira sesión semanal do Dépor coas únicas ausencias de Noel e Trilli

O Dépor regresou esta mañá aos adestramentos para comezar a preparar xa a seguinte cita ligueira, o domingo 23 de xaneiro ás 12:00 no campo Municipal de Villaviciosa de Odón ante o DUX Internacional de Madrid. O choque corresponde á 19ª xornada, última da primeira volta, no grupo 1º de Primera RFEF.

Seis puntos de renda ten o Dépor, líder do grupo, sobre o Real Racing Club, o seu inmediato perseguidor (40 puntos os coruñeses por 34 os cántabros), vantaxe suficiente para proclamarse xa campión de inverno.

A pesar de que non houbo fútbol de competición a pasada fin de semana, o conxunto branquiazul sae reforzado após un amigable do pasado sábado ante a SD Ponferradina no Anexo ao Toralín, saldado con triunfo deportivista (2-3) e, o que é máis importante, con moi boas sensacións ante un rival que leva toda a temporada ocupando posicións de playoff de ascenso a Primeira División.

Borja Jiménez non puido contar esta mañá con Noel e Trilli, concentrados coa selección española sub-19; pero si co resto do seu cadro, ademais dos canteiráns Alberto, Brais Suárez, Yeremay e Iván Guerrero.

A mañá arrancou en Abegondo cun quecemento e unha tarefa con finalizacións. A continuación, o corpo técnico branquiazul dispuxo un exercicio de posición e, para concluír, un partido a tres cuartas partes do campo 2, con continuos intercambios de xogadores e de posicións. O adestrador branquiazul detivo continuamente o xogo para impartir instrucións aos seus futbolistas.

Mañá martes 18 de xaneiro haberá xornada de descanso. O Dépor regresa aos adestramentos o mércores 19 ás 10:30 en Abegondo.