RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Primeiros minutos de Lucas co Dépor esta tarde en Mugardos

O Deportivo impúxose esta tarde ao Galicia de Mugardos (0-4) no último amigable antes do inicio da liga. Faical, Cani, Sidnei e Luisinho foron os autores dos goles branquiazuis.

O partido serviu para que Lucas disputase os seus primeiros minutos como branquiazul, nun encontro no que Fabricio e Lux acabaron contusionados. O primeiro non puido continuar no terreo de xogo. Sofre unha contusión nun xeonllo, ao chocar na segunda metade cun rival nun centro á área deportivista.

O campo da Pedreira rexistrou un cheo total de afeccionados, moitos deles deportivistas, como a pena deportivista de Mugardos, que se fotografou co once inicial do Deportivo.

O partido foi un bo test, cun campo abarrotado, de dimensións  reducidas, e ante un rival en todo momento moi encima, a pesar da súa lóxica inferioridade técnica e física.

Faycal adiantou ao Dépor aos 24 minutos, cun chute colocado ao que non puido responder a meta local Iñaki. Antes, Cardoso, esta tarde situado en punta, puido marcar nun par de boas accións.

Pero o Galicia de Mugardos nunca perdeu a cara ao partido. Á media hora, o dianteiro local Permuy puido bater a Lux, pero o seu chute sácao a meta deportivista a saque de esquina. Creou un par de boas oportunidades o conxunto mugardés, que obrigou a traballar á defensa do Dépor.

Ao descanso chegouse con triunfo pola mínima do Deportivo.

Arrincou a segunda metade con dous cambios no once branquiazul. Entran Fabricio e Laure por Lux e Juanfran.

Cani marca o segundo tras unha deixada de Fede Cartabia. O Galicia de Mugardos paga o esforzo da primeira metade e afrouxa as marcas.

Sidnei aproveita un rexeite da meta mugardés a tiro de Juan Domínguez para lograr o terceiro.

Víctor cambiou o once para a última media hora. Luisinho, tras un bo centro de Navarro, logrou de cabeza o 0-4, ao cabo definitivo.

A inchada local lamentou a ocasión de José, un xuvenil que tivo os seus minutos na recta final e que a punto estivo de lograr o gol da honra. Lux, nunha gran parada, evitouno.

Con esta acción finalizou o encontro.

Deportivo: Lux (m. 46, Fabricio e á súa vez, m. 66, Lux), Juanfran (m. 46, Laure), Lopo (m. 66, Arribas), Sidnei (m. 66, Mosquera), Saul (m. 66, Navarro), Alex Bergantiños, Medunjanin (m. 50, Juan Domínguez), Cartabia (m. 66, Luisinho), Cani (m. 66, Luís Alberto), Fayçal (m. 66, Lucas) e Cardoso.

Goles: 0-1, m. 24: Faycal; 0-2, m. 50: Cani; 0-3, m. 56: Sidnei; 0-4, m. 85: Luisinho.