RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Protagonismo do Dépor ABANCA nos amigables de España e Costa Rica

Tres futbolistas do Deportivo ABANCA tiveron compromiso hoxe martes 15 de xuño coas súas respectivas seleccións nacionais: Athenea del Castillo, Stephannie Blanco e Noelia Bermúdez.

A elas hai que sumar a Eva Dios, citada pola selección española sub-19 a pasada semana para uns adestramentos na localidade alacantina de Alfaz del Pi.

Athenea xogou a segunda metade ante Dinamarca

Athenea del Castillo estivo concentrada estes días na localidade segoviana de Los Ángeles de San Rafael con motivo de dous partidos amigables da selección española absoluta aproveitando a data FIFA deste mes de xuño.

Dinamarca, no Municipal de Santo Domingo en Alcorcón, foi o segundo compromiso co combinado nacional para a atacante do Deportivo ABANCA.

Athenea saltou ao campo tralo descanso ao substituír a Marta Cardona nun partido que decidiron para as hispanas (3-0) os goles de Aitana Bonmatí (2) e Patri Guijarro.

A selección española mediuse a Bélxica o pasado xoves 10 de xuño tamén no Municipal de Santo Domingo. Venceron claramente as españolas (3-0) e nesta ocasión a futbolista do Dépor ABANCA non chegou a saltar ao terreo de xogo.

A dianteira branquiazul, que recibiu en marzo o premio Fútbol Draft de Oro 2019-2020 como interior dereita pola súa irrupción en Primera Iberdrola a pasada temporada, fixo historia o pasado 23 de outubro de 2020 no Estadio de La Cartuja de Sevilla ao converterse na primeira xogadora do Deportivo ABANCA en debutar na selección española absoluta, e con tan só 19 anos.

Stephannie Blanco e Noelia Bermúdez, titulares fronte a Guatemala

A segunda cita da selección de Costa Rica ante Guatemala para as dúas xogadoras do Deportivo ABANCA foi esta vez no Complexo Deportivo Fedefútbol Plycem.

Tanto Noelia Bermúdez como Stephannie Blanco foron titulares e a central deportivista anotou o segundo tanto de Costa Rica aos 32 minutos de xogo na súa folgada vitoria (4-1) ante as guatemaltecas. No transcurso da segunda metade, foron substituídas por Génesis Pérez e Diosa Barreth respectivamente.

O primeiro dos partidos ante Guatemala foi o pasado domingo 13 de xuño no Estadio Nacional, xusto o día en que a Federación Costarricense de Fútbol cumpriu 100 anos. A selección feminina volveu pisar a catedral do fútbol 'tico' despois de 8 anos sen facelo, co obxecto de festexar tal efeméride.

Stephannie Blanco saíu no once inicial no triunfo 'tico' (3-1), e foi relevada no transcurso da segunda metade por Fabiola Villalobos. Por contra, a gardameta branquiazul Noelia Bermúdez non tivo minutos.

Con estes dous amigables, o combinado 'tico' preparou as eliminatorias mundialistas que arrancarán a finais de ano.