RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Punto de ouro para o Dépor en Gran Canaria (1-1)

O Deportivo non puido dar a volta ao marcador tras a expulsión de Aythami Artiles a un cuarto de hora do final, pero soubo sobrepoñerse á adversidade no Estadio de Gran Canaria, onde a UD Las Palmas adiantouse na súa primeira ocasión e cun gol de rebote, que equilibrou na segunda metade unha acción tan illada como xenial de Emre Çolak e Florin Andone.

Gaizka Garitano, adestrador deportivista, realizou dous cambios con respecto ao encontro da pasada xornada ante o Villarreal. Juanfran volveu ao lateral dereito tras cumprir sanción por acumulación de amoestacións ante o equipo castellonenco, contra o que Laure ocupou a súa posición, e Joselu recuperou a titularidade en detrimento de Marlos Moreno.

A UD Las Palmas foi fiel aos seus principios, saíndo ao terreo de xogo facéndose dominadora da pelota, ante un Dépor que foi a buscar ao seu rival a campo contrario.

No minuto 6 produciuse a súa primeira chegada clara, nun disparo cruzado por alto de Marko Livaja ante o que respondeu Przemysław Tytoń, que despexou a saque de esquina.

No seu segundo achegamento, o conxunto canario adiantouse no marcador. Unha xogada elaborada acabou cun despexe en curto de Sidnei, que caeu a pés de Mateo García. O extremo zurdo local conectou un forte dereitazo, que rebotou nas pernas do propio Sidnei e se envelenou ata tal punto que o balón entrou por toda a escuadra dereita, sen que Tytoń puidese facer nada por evitalo.

O Deportivo foise metendo pouco no partido, aínda que tardou media hora en disparar cara á portería de Javi Varas. Florin Andone chegou por banda, buscou a chegada de Joselu á área, a zaga canaria anticipouse e o esférico caeu a pés de Celso Borges ao bordo da área. Con todo, o costarriqueño disparou alto, moi desviado. Repetiu puntería Guilherme, no minuto 37, cando o brasileiro recolleu o rexeite dun saque de esquina na frontal.

No minuto 39, Joselu non puido rematar un centro de Luisinho, que desbordou a Michel Macedo, que un minuto despois levou o perigo á área visitante, ao devolver un centro pasado cara ao centro, onde Guilherme, providencial, despexou a córner de cabeza. Pouco despois, Borges cabeceou desviado un saque de esquina botado en curto entre Emre Çolak e Luisinho.

Coa vitoria pola mínima do equipo que dirixe Quique Setién chegouse ao intermedio.

A segunda metade comezou polos mesmos camiños. O primeiro achegamento tamén foi cousa da UD Las Palmas, nunha falta lateral botada por Momo que cabeceou bombeado Vicente Gómez. Tytoń fíxose co coiro con facilidade.

Despois dun par de tentativas de Marko Livaja, no minuto 59 os canarios achegáronse nunha xogada trenzada que acabou rematando por encima do traveseiro, chegando desde atrás, Vicente Gómez.

Os branquiazuis comezaron a chegar con maior asiduidade aos dominios de Javi Varas, aínda que sen crear oportunidades francas de gol. Ata que cando se cumpría o minuto 69, Emre Çolak viu espazo ás costas da zaga local, moi adiantada. Andone correu ao balón longo, gañando por moita vantaxe a súa carreira con Mauricio Lemos. O romanés, no seu primeiro contacto co esférico, coa bota esquerda, venceu a resistencia de Javi Varas cun remate por alto, ao primeiro pau. Foi o sétimo tanto do ariete deportivista.

Nos minutos seguintes, o exdeportivista Aythami Artiles viu dous cartóns amarelos, polo que o conxunto herculino puido xogar o último cuarto de hora cun xogador máis. A UD Las Palmas repregouse, cedendo totalmente a posesión da pelota ao Deportivo.

Andone foi o único en acariñar o tanto da vitoria, pero o seu remate mordido a centro por baixo de Juanfran escapouse mansamente pola liña de fondo. Marlos Moreno, que entrou por Luisinho para tratar de ir a pola vitoria, pediu penalti nunha acción na que contactou con Roque Mesa. Malia o control dos coruñeses, a profundidade non foi a suficiente como para levar os tres puntos.

Con este empate, o terceiro consecutivo, o Deportivo acumula catro xornadas sen coñecer a derrota. Os branquiazuis pechan a primeira volta ligueira cun punto por partido (19), o que de momento lles sitúa sete puntos por encima dos postos de descenso á espera de que conclúa a xornada.

UD Las Palmas: Javi Varas, Michel Macedo, Lemos, Aythami Artiles, Hélder Lopes, Montoro, Roque Mesa, Vicente Gómez, Momo (Tana, min. 80), Livaja (El Zhar, min. 85) e Mateo García (Benito, min. 89).

RC Deportivo: Tytoń, Juanfran, Arribas, Sidnei, Fernando Navarro, Emre Çolak, Guilherme, Borges, Luisinho (Marlos Moreno, min. 80), Joselu (Óscar Pinchi, min. 90+2) e Andone.

Goles: 1-0 Mateo García (min. 13); 1-1 Andone (min. 69).

Árbitro: Fernández Borbalán (c. andaluz). Expulsou a Aythami Artiles, por dobre amoestación (min. 77). Cartón amarelo a Aythami Artiles (min. 72) e Joselu (min. 90+1).

Incidencias: partido correspondente á 19ª xornada de LaLiga Santander disputado no Estadio de Gran Canaria ante 18.051 espectadores.