RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

''Queremos ter un equipo competitivo'', asegura Lux

Germán Lux compareció en rolda de prensa esta tarde en Abegondo, antes de arrincar a primeira sesión semanal de adestramento.

A meta deportivista manifestou que "está a ser unha pretemporada boa. Tempo hai dabondo, así que imos aos poucos, tratando de que non haxa lesionados. Se hai que parar nalgún momento para non chegar á lesión facémolo. A pretemporada está a ser dura, pero imos ben encamiñados".

Resume Lux que o equipo "estivo dous ou tres semanas nun sitio onde se pode traballar. Nós fixémolo en Guitiriz e aproveitando tamén as instalacións que ten o Deportivo acá en Abegondo, que son magníficas. De momento imos ben".

A nivel persoal, o internacional arxentino asegura confiar "nas miñas condicións sempre. Tiven algunha outra posibilidade de saír e quedarme en Arxentina. Pero nin sequera expúxollo ao Club. Quédame esta tempada e estou feliz de estar acá e de poder competir, xa sexa con Fabricio ou con outro compañeiro. A idea miña é facer unha boa pretemporada, que o ano pasado tiven unha lesión e tivemos esas viaxes que me impediron facer unha boa pretemporada. Esperemos facer unha boa tempada, que o Deportivo teña un equipo para competir e non chegar tan forzado ao final como nos pasou esta tempada".

Subliña estar centrado "en facer unha boa pretemporada e ver que é o que pasa. O fútbol é imprevisible. Nós non o manexamos. Hoxe é unha cousa e mañá é outra. Estaba convecido que o ano pasado ía ser a miña tempada e ao final o fútbol é así. Hai que pensar e vivir o presente, adestrar cada día como o mellor, achegar de onde un estea e que o Deportivo faga unha boa tempada".

Neste sentido, confirma que "pase o que pase vou estar aquí. Estou ben, estou feliz, e oxalá o Deportivo poida armar un bo equipo. Necesitamos que veñan compañeiros a axudarnos e a non pasar tantos apuros como a tempada pasada".

Lux expresou o seu desexo ante os medios de comunicación de facer "unha tempada digna, de competir en todos os partidos. Queremos ter un equipo competitivo e loitar".