RCD / NOVAS

Quince novas Socias e Socios de Ouro recibiron a súa homenaxe hoxe en ABANCA-RIAZOR

01/12/2021 18:33

O Estadio ABANCA-RIAZOR e o restaurante Tira do Playa acolleron hoxe mércores 1 de decembro os actos nos que se recoñeceu aos últimos 15 socios e socias que cumpriron 50 anos de fidelidade ininterrompida ao RC Deportivo.

A gala anual de entrega de Insignias de Ouro transformouse nesta ocasión nun sinxelo pero enormemente emotivo acto no que foron entregadas as distincións a aqueles socios que cumpriron 50 temporadas como abonados o pasado curso 2020-2021, ao ser aprazada a entrega no seu momento debido á pandemia de COVID-19, e o presente 2021-2022.

O RC Deportivo, deste xeito, recoñece e agradece o apoio incondicional ao Club e ao equipo por parte destes socios, como vén facendo desde fai varios lustros.

Na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR, Antonio Couceiro, Presidente do RC Deportivo, e Eduardo López Beci, autor do soado gol do ascenso de 1971 ademais de adestrador da canteira branquiazul e secretario técnico, fixeron entrega das súas insignias de ouro e diplomas acreditativos a 9 socios que estrearon o seu carné na Temporada 1970-1971 e outros 6 que o fixeron na Temporada 1971-1972.

Roberto José Fernández Cabo tomou a palabra en nome de todos os homenaxeados, para rememorar anécdotas e momentos mellores e peores dos seus 50 anos como socios do RC Deportivo. Para pechar o acto, o Presidente deportivista Antonio Couceiro dirixiuse a todos os socios agradecendo a súa presenza e a súa fidelidade durante medio século.

A continuación, todos os homenaxeados e os seus acompañanantes puideron fotografarse, como é habitual, cos seis títulos oficiais nacionais conquistados polo primeiro equipo e con dous trofeos Teresa Herrera nos seus distintos formatos. Nesta ocasión, á foto sumáronse as dúas Copas de Campións de España logradas polo noso Xuvenil A, en 1996 e este mesmo ano.

O colofón á inesquecible xornada foi un xantar no restaurante Tira do Playa no que os homenaxeados estiveron acompañados polo Presidente e varios Conselleiros branquiazuis, así como os ex xogadores deportivistas Belló, Manolete, Pepe Vales, Carlos Ballesta, Fran e Manuel Pablo.

Socios de Ouro 1970-1971
JOSÉ LÓPEZ FREIRE
JAVIER ÁNGEL REY VÁZQUEZ
MIGUEL ÁNGEL RIAL CASTAÑEDA (a título póstumo, recolleu o seu José Salvador Rial Mahía)
JUAN LÓPEZ MOINELO
LUIS ROEL ESTRADA
ENRIQUE VEIGA RODRÍGUEZ
ÁNGEL MARCOS QUEIRO SANTIAGO
JOSÉ RAMÓN VARELA ÁLVAREZ
MARÍA DEL PILAR GONZÁLEZ GARCÍA (non puido acudir)

Socios de Ouro 1971-1972
MANUEL ANDRÉS SOTO GÓMEZ
JOSÉ RODRÍGUEZ VEIRA
JOSÉ MANUEL ROLDÁN PARAPAR
MARÍA DOLORES ESCUDERO PATIÑO
FRANCISCO JAVIER MUÑIZ TRILLO
ROBERTO JOSÉ FERNÁNDEZ CABO