RCD / NOVAS

Quinocho, técnico do último Karbo Deportivo campión de España, falece aos 75 anos

11/10/2017 16:32

Quinocho, de pé á esquerda, o día da conquista do título nacional de 1985 (Foto cedida por Inma Castañón)

Antonio Álvarez Suárez, máis coñecido como Quinocho, que fora adestrador do Karbo Deportivo a maior parte da época na que o club colexial estivo vinculado á entidade branquiazul, faleceu este martes 10 de outubro na Coruña, á idade de 75 anos.

Quinocho tomou o testemuño de José Mañana aos mandos do Karbo Deportivo o 13 de agosto de 1984, despois de que co anterior técnico, o conxunto coruñés conquistase tres dos catro Campionatos de España previos: 1981, 1983 e 1984.

O 23 de xuño de 1985, Quinocho dirixiu ao Karbo Deportivo que lograba o seu cuarto e último título nacional, ao vencer en Riazor ao Barci-lona. As branquiazuis impuxéronse na quenda de penaltis (3-1) despois de concluír o encontro con empate (2-2). Quinocho dispuxo aquel día o seguinte once: Ana, Olga, Geli, Cruz, Pili, Encarna, Mari Carmen, Inma, Merche, Lis Franco e Lucía.

Quinocho adestraría dúas campañas máis ao Karbo Deportivo, a 1985-1986 e a 1986-1987. En ambas, o equipo coruñés caería nas semifinais do campionato de España. Na primeira delas, ante o Porvenir madrileño. Na segunda, fronte ao Oiartzun guipuscoano.

Como xogador, Quinocho foi extremo esquerdo en equipos modestos como Sporting Coruñés, Marte, Orzán e Deportivo Obrero, e costeiros como o Carnota. Como adestrador, antes de dirixir ao Karbo Deportivo, adestrou a Marte, Carral, Torino de Altamira, Vilaboa, Sésamo, Oza dos Ríos e Mesón do Bento. Durante a súa época como técnico do Karbo Deportivo compaxinou ese labor coa de seleccionador galego feminino.

O Karbo Deportivo tivo relación co RC Deportivo entre 1980 e 1983 pero a vinculación máis estreita, cando o club colexial engadiu o nome do Deportivo á súa denominación oficial mediante un convenio asinado durante a presidencia de Jesús Corzo, tivo lugar entre 1983 e 1987.

Os restos mortais de Quinocho foron incinerados ás 12:30 horas deste mércores 11 de outubro no cemiterio de Santa Cecilia de Feáns. O funeral oficiarase ás 17:00 horas na igrexa de Santo Tomás (A Coruña).

O RC Deportivo desexa mostrar as súas máis sentidas e sinceras condolencias a familiares, amigos e ex compañeiros de Quinocho. DEP.