RCD / NOVAS

R renova o seu patrocinio co Deportivo de LaLiga Genuine

05/03/2021 11:00

Acompañados por compoñentes do equipo Deportivista, Antonio Couceiro, presidente do Real Club Deportivo e máis Isidro Fernández de la Calle, director corporativo de empresas de R, anunciaron onte á tarde nas bancadas do estadio Abanca-Riazor o patrocinio de R ao Deportivo de LaLiga Genuine.

Co devandito acordo, o operador galego convértese durante a temporada 2020-2021 (coma fixera nas dúas anteriores, 2018-19 e 2019-20) en patrocinador deste equipo do Dépor que xoga na competición de equipos do colectivo DI (persoas con Discapacidade Intelectual) organizada por LaLiga.

O logo do operador galego estará presente, ata o remate da temporada, no equipamento de futbolistas e corpo técnico do Deportivo de LaLiga Genuine, vestimenta oficial do grupo que onte luciu na foto de familia artellada para a ocasión na bancada do estadio deportivista. Os compoñentes do conxunto levarán este equipamento en todos os partidos que desputen e tamén nos adestramentos e actos do club que esixan a devandita indumentaria.

Así mesmo, a marca do operador galego vai figurar na web do Deportivo (www.rcdeportivo.es) coma empresa patrocinadora, e máis no videomarcador da Cidade Deportiva de Abegondo nos encontros do Deportivo Genuine e no resto dos partidos que se xoguen no campo principal da Cidade Deportiva branquiazul.

En suma, a presenza da marca de R como patrocinadora aplícalles a todos os partidos que esta temporada xogue o conxunto, tanto amistosos como oficiais e organizados pola Fundación Real Club Deportivo ou polo Real Club Deportivo.

Ademais, en virtude do acordo, e sempre que o permita a situación sanitaria, o conxunto deportivista de LaLiga Genuine xogará un encontro amistoso con profesionais de R.

O Presidente do club coruñés, Antonio Couceiro salientou que “novamente, como os demais patrocinadores principais do Club, unha marca de gran prestixio da nosa comunidade e pertencente a un gran grupo a nivel nacional, continúa vencellada ao Dépor, apoiando nestes momentos tan complicados para todos. Ademais, faino a través dun dos proxectos máis fermosos da Fundación Real Club Deportivo, un orgullo para todos os que formamos a gran familia Deportivista. Nun ano no que, por mor da situación sanitaria, os adestramentos e partidos do equipo estarán limitados, e polo tanto a exposición de marca tamén, R amosa con esta renovación que o seu apoio non é de imaxe senón ao corazón mesmo do proxecto, a permitir que o Dépor Genuine siga existindo para axudar ao desenvolvemento persoal e á integración social das nosas xogadoras e xogadores. Por iso queremos, coma sempre, pero máis que nunca, darlles as grazas en nome do Real Club Deportivo e de todas as familias que forman o proxecto Genuine do Dépor.”

Pola súa banda, Isidro Fernández de la Calle expresou a súa satisfacción polo feito de que “R sexa a marca elixida outra vez polo club coruñés para patrocinar o Deportivo de LaLiga Genuine. Este acordo -engadiu- resume perfectamente a nosa aposta compartida polo deporte, pola integración social e por valores tan importantes coma a deportividade. Algo do que, sen dúbida, saben moito os xogadores e xogadoras deste conxunto. Estamos convencidos de que todos/as eles/as poden aprendernos a nós unha morea de cousas e ofrecernos a cara máis amable e enriquecedora do deporte, a que prima a deportividade por enriba da loita, e o feito de compartir antes que o de competir. Aplaudimos esta fermosa iniciativa de LaLiga e estamos contentísimos de formar parte dela co noso R”.

Este proxecto que vencella fútbol e integración social comezou a súa andaina da man de LaLiga na temporada 2017-18. A competición xógase na modalidade de Fútbol 8, partidos de 4 partes de 10 minutos cada unha, e a temporada divídese en 4 fases que se desenvolven en diferentes sedes.

Trátase dun torneo no que participan conxuntos do colectivo DI, e no que ademais da puntuación polos resultados deportivos, todos os clubs contan tamén cada xornada, para que prime a deportividade, cunha serie de puntos que premian o xogo limpo.

O equipo deportivista de LaLiga Genuine está composto por trinta xogadores e dúas xogadoras e formouse hai catro temporadas coa colaboración da Asociación Down Coruña, Aspronaga, Fundación Adcor, Aspaber, Aspanaes, Aspadisol e Fundación Abrente. Adestrados por Lucía Otero e Carlos García Collazo e coordinados polos responsables da Fundación Real Club Deportivo, con Pablo Barros e Gelines Romero á cabeza, están a piques de retomar a actividade de adestramentos, nas instalacións da Torre e de Abegondo, na medida en que a situación sanitaria o permita, ao ser un grupo de especial risco. Os adestramentos vanse completar con encontros e obradoiros virtuais para seguir traballando en equipo malia a distancia social destes tempos. Sempre que é posible participan nos actos sociais do Club como calquera outro equipo, como na recollida de alimentos e xoguetes do pasado mes de decembro, o que supón unha especial motivación para os membros do equipo e das asociacións, que atoparon a través deste proxecto unha potente ferramenta de visibilización e integración social.

R é o operador de telecomunicacións de Galicia que, xunto con Euskaltel, Telecable e Virgin Telco, forma parte do Grupo Euskaltel. O operador galego ofrece servizos avanzados de internet de alta velocidade (ata 500 megas), televisión dixital e telefonía fixa e móbil, e dende hai anos é a opción preferida nos fogares e empresas galegas alí onde ten despregada a súa rede de fibra óptica. R investiu ata o momento 1.300 millóns de euros neste proxecto para Galicia, onde xa está presente en máis de 140 municipios nos que presta servizo a arredor de 260.000 clientes entre residenciais e empresas. (R.gal).