RCD / NOVAS

Raquel e Tere, primeiras xogadoras profesionais do RC Deportivo

18/01/2017 11:30

O Real Club Deportivo fai de novo historia no fútbol galego ao converterse no primeiro club de fútbol da comunidade que fai fichas profesionais ás súas xogadoras. As dúas primeiras futbolistas en asinar o seu contrato profesional son Raquel e Tere, que rubricaron a súa nova relación contractual na sede do Deportivo co presidente Tino Fernández.

A firma dos dous primeiros contratos profesionais a dúas xogadoras galegas do Dépor Abanca é unha nova mostra da firme aposta do Real Club Deportivo polo deporte feminino e por converter este proxecto nunha referencia no fútbol galego e español.

Raquel Béjar Castro (As Pontes, 30 de xaneiro de 1998), xoga de defensa central e anteriormente defendía as cores do Orzán. É ademais xogadora das seleccións galegas de base.

Teresa Abelleira Dueñas (Pontevedra, 10 de febreiro de 2000), xoga de mediocentro e incorporouse este verán ao Deportivo Abanca procedente do Lérez. É ademais internacional nas categorías inferiores da selección española.