RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Raquel García: "O Dépor ABANCA ofréceme un proxecto que é ilusionante"

Raquel García manifestou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o Dépor ABANCA "ofréceme un proxecto que é ilusionante, que volve apostar polo (equipo) feminino e que a min me ilusiona de novo. As xogadoras temos que sentirnos ben, sentirnos felices e crer nun proxecto que vai ser importante. Creo que aquí vou estar ben e non hai mellor sitio que poder compartir outro ano aquí co Dépor".

Engade que "o Club expón un proxecto no que o obxectivo principal é volver tentar estar onde o Dépor ABANCA merece estar. Estamos a ver como o Club segue apostando. Xa vemos que estamos a empezar a ter renovacións, á parte de Ainhoa, Inés e Paula, que xa renovaron. Supoño que estarán a confeccionar o cadro e aínda non está pechada. Seguirán chegando fichaxes ou renovacións. O principal é que o proxecto vai ser para volver tentar estar na Primeira División e iso creo que chama a atención a calquera".

Indiscutible no centro da zaga con Inés Altamira, sostén que "cando apostas por un proxecto e un club novo, ilusiónaste e sabes que aínda que vaias chegar a un club que está a apostar por ti, tes que loitar e gañar o posto. Neste caso estou moi contenta polo traballo que realicei, pola confianza que se me deu desde o corpo técnico e por suposto por todas as participacións que puiden ter. Unha xogadora con confianza termina dando a súa mellor versión. Para este ano volvémonos a ilusionar e oxalá poder ter un ano como o pasado".

Subliña que o corpo técnico de Miguel Llorente "deume confianza, apostou por min e neste caso creo que lles puiden responder da mellor maneira posible. Estou moi contenta. Están a chegarme moitas mensaxes de felicitación e termínase agradecendo moito".

Xa con varias semanas polo medio, a defensora deportivista admite que a campaña pasada "terminouse facendo un pouco longa, pero puido terminar ben no último partido aquí en ABANCA-RIAZOR. Non se conseguiu o obxectivo que todos desexabamos, pero tampouco foi unha temporada mala. Xogouse ben, o equipo e o Club seguiron apostando e competindo até o final e a miña valoración é boa. Que podería ser mellor? Seguro. Como sempre en todas as temporadas sempre pode ser un pouquiño mellor, pero contenta".

Descoñece quen será o próximo adestrador do Dépor ABANCA despois da saída de Miguel Llorente pero "o que veña será benvido e sempre que veña a apostar, a confiar, a axudar e a traballar ao equipo, benvido vai ser seguro".

Coas renovacións xa pechadas de Ainhoa Marín, Inés Altamira e Paula Gutiérrez, Raquel García, a #ANOSAFORZA quérelle "primeiro dar as grazas pola temporada anterior. Estiveron ao pé do canón toda a temporada. Até o último partido en ABANCA-RIAZOR estiveron a nos animar. Convidalos a que sigan vindo a Abegondo ou a ABANCA-RIAZOR cando nos permitan poder gozar do Estadio e a que se volvan a encher de ilusión. Nós estámonos ilusionando, estamos a crer nun proxecto que pode ser moi bo e que cremos que vai ser moi bo. Animalos a que sigan apoiándonos".