RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

RC Deportivo e Concello da Coruña estreitan os seus lazos de colaboración

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, e Tino Fernández, presidente do RC Deportivo, asinaron a adenda ao acordo de 7 de agosto de 2000 que regula a utilización do Estadio de Riazor, na que se inclúen distintos compromisos por parte de ambas as entidades.

Con esta adenda, o Concello da Coruña convértese en colaborador do RC Deportivo e asume definitivamente a reforma da cuberta do recinto. Pola súa banda, o RC Deportivo realizará a adecuación da fachada de Riazor e colaborará coas Escolas Deportivas Municipais, entre outros puntos.

Ferreiro destacou que "o Deportivo encarna uns valores que están moi enraizados na cidade da Coruña, é un patrimonio de todos os coruñeses e coruñesas, pero máis aló é un elemento de proxección evidente da nosa cidade".

O rexedor herculino destacou igualmente que o Club asume unha serie de compromisos coa Coruña, que "teñen que ver co interior e o exterior de Riazor", e de colaboración "tanto económica como técnica" coas Escolas Deportivas Municipais.

Pola súa banda, Tino Fernández afirmou con respecto ao Estadio de Riazor que o RC Deportivo comprometeuse "a rematar o que eu chamaría terceira fase. A primeira fase sería toda a reforma interior: vídeo marcadores, asentos, pistas de atletismo... A mellora da cara interna. O concello fai a mellora da cara superior e nós faremos a cara exterior, o proxecto de adecuación da fachada, para que quede un todo á altura do que é o Deportivo, do que é a cidade, e do que é o propio estadio".

O máximo mandatario deportivista lembrou que "estamos a facer reformas e melloras. Modificación da saída de vestiarios, incrustar os bancos na bancada, facer uns asentos VIP ao redor deses bancos..." e deixou claro que a obra estará finalizada para o próximo 5 de agosto, data na que se disputará o Trofeo Teresa Herrera.

Tino Fernández desvelou que a adenda inclúe que "o Club se vai a facer cargo do mantemento da cuberta unha vez que se finalice a obra de reforma da mesma.

Con respecto á colaboración coa Escolas Deportivas Municipais, o presidente branquiazul mostrouse feliz. "Estamos moi orgullosos de poder colaborar co Concello para que o deporte vaia mellor na cidade e que sexa unha referencia non soamente no mundo do fútbol", aseverou.

Tino Fernández desvelou que o Club xa pediu formalmente ao Concello, "aínda que non está no convenio", a autorización pertinente "para que se poida engadir un apelido, un nome comercial, ao Estadio de Riazor, en previsión de que se poida pechar algún acordo".

"Se as cousas van como pensamos que poden ir, o compromiso do Deportivo vai ser manter o esforzo investidor e mesmo aumentalo un pouco máis que realizamos en mellora de infraestruturas. A idea é duplicar no próximos cinco anos os 3,5 millóns de euros que investimos no tres anos e medio que levamos aquí", destacou o presidente deportivista, que lembrou que o Club vai ter "que facer un investimento en luz importante, que irá vinculada ao proxecto da cuberta".

Por último, Tino Fernández comentou que "se podemos, aínda que o paramos á espera de mellores tempos, recuperaremos tamén o proxecto do museo. Non o perdemos de vista e gustaríanos facelo. Non estamos a falar dun museo calquera, senón un museo de referencia dentro da cidade".