RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"ReCorDos en Branco e Azul" pon á vista do deportivismo a colección de Antonio Seoane, ex delegado do Fabril

- Antonio Seoane Chas (dereita), sentado no banco de Riazor xunto ao mestre Don Rodrigo García Vizoso -

O álbum fotográfico de Antonio Seoane Chas, delegado do Fabril a comezos dos anos 70, xa está a disposición de todo o deportivismo grazas á cesión, por parte do seu fillo Antonio Seoane Blas, do devandito material, que xa se pode ver na web "Recordos en Branco e Azul".

O Club dixitalizou case medio centenar de imaxes, das que desde hoxe se poden ver, xa documentadas e datadas, ao redor dunha trintena. As demais iranse publicando aos poucos en datas vindeiras.

Nunha época na que non existía a figura do delegado como hoxe en día, Antonio Seoane Chas exerceu como tal na maior parte dos partidos do Fabril entre as Temporadas 1969-1970 e 1972-1973, sendo o seu primeiro encontro un Gijón Industrial - Fabril o 1 de novembro de 1969 e o último un Fabril - Turista o 6 de maio de 1973.

A maior parte das instantáneas corresponden a partidos de 2 temporadas concretas. Son a 1974-1975, única do Club en Terceira División, e a 1975-1976, marcada pola polémica arbitraxe de Pes Pérez fronte ao Burgos que supuxo un antes e un despois no truncado camiño de regreso a Primeira.

Na páxina web recordos.rcdeportivo.es calquera afeccionado ten a posibilidade de achegar o seu gran de area á reconstrución da historia do Club. Un novo dato sobre unha imaxe mediante un comentario, a cesión dunha nova fotografía, unha historia persoal ao redor da instantánea en cuestión...

A mellor opción é a de achegarse coa fotografía orixinal ás oficinas do Club na Praza de Pontevedra, 19, 1º (de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) para proceder á súa dixitalización coa maior calidade posible. Unha vez dixitalizada, a fotografía orixinal seralle devolta ao propietario, xunto á copia dixitalizada da mesma nunha memoria USB.

O cedente sempre conservará a propiedade da imaxe, que prestará ao RC Deportivo soamente para uso institucional. Todas as fotos publicadas están protexidas con marca de auga para evitar o seu uso fraudulento.

Tamén existe a posibilidade de darse de alta en "Recordos en Branco e Azul", creando, coa mesma sinxeleza que en calquera rede social, un perfil de usuario a través do que quedará constancia de que a foto é da súa propiedade.

A partir de aí, o usuario poderá comentar calquera fotografía e adquire a posibilidade de compartir co deportivismo unha nova imaxe. Cando efectúe a cesión directa da instantánea, esta non será visible de inmediato, pois deberá recibir o visto e prace en función de diversos estándares de calidade fotográfica e valor histórico.