RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"ReCorDos en Branco e Azul" rende tributo a Juan Ignacio Otero

O álbum fotográfico do lendario Juan Ignacio Otero, un dos mellores porteiros dos máis de 110 anos de historia do RC Deportivo, xa está a disposición de todo o deportivismo grazas á cesión, por parte da súa familia, do devandito material, que xa se pode ver na web "Recordos en Branco e Azul".

O Club dixitalizou ao redor de medio centenar de imaxes, das que desde hoxe se poden ver, xa documentadas e datadas, unha ducia. As demais iranse publicando aos poucos en datas vindeiras.

O RC Deportivo contactou hai uns meses con Andrés Otero Cerveró, un dos fillos do recentemente falecido ex porteiro, co obxecto de facerlle chegar o proxecto de recuperación da memoria gráfica do Club. Andrés Otero mostrou o seu desexo de colaborar desde o primeiro momento, froito do cal o deportivismo pode gozar desde hoxe destas imaxes históricas.

A maior parte das instantáneas corresponden á primeira temporada completa de Otero co primeiro equipo, a 1952-1953, e ao seu paso polo CD Xuvenil, entón filial deportivista, no que militou durante 6 campañas. Ademais, tamén foron dixitalizadas algunhas fotografías inéditas da primeira vez que o Deportivo cruzou o Atlántico, en 1954, para disputar partidos en Río de Janeiro, Buenos Aires e Montevideo, e do seu paso por outros equipos, como o Real Betis ou o Granada CF, pousando xunto a outros ilustres xogadores coruñeses e ex deportivistas.

Con esta publicación, o RC Deportivo quere render homenaxe a un porteiro que fixo historia e que ademais axudou a crecer a novos gardametas na canteira branquiazul grazas á súa sabedoría e experiencia. Igualmente, o Club desexa mostrar o seu agradecemento aos familiares pola súa cariñosa colaboración.

Na páxina web recordos.rcdeportivo.es calquera afeccionado ten a posibilidade de achegar o seu granito de area á reconstrución da historia do Club. Un novo dato sobre unha imaxe mediante un comentario, a cesión dunha nova fotografía, unha historia persoal ao redor da instantánea en cuestión...

A mellor opción é a de achegarse coa fotografía orixinal ás oficinas do Club na Praza de Pontevedra, 19, 1º (de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) para proceder á súa dixitalización coa maior calidade posible. Unha vez dixitalizada, a fotografía orixinal seralle devolta ao propietario, xunto á copia dixitalizada da mesma nunha memoria USB.

O cedente sempre conservará a propiedade da imaxe, que prestará ao RC Deportivo soamente para uso institucional. Todas as fotos publicadas están protexidas con marca de auga para evitar o seu uso fraudulento.

Tamén existe a posibilidade de darse de alta en "Recordos en Branco e Azul", creando, coa mesma sinxeleza que en calquera rede social, un perfil de usuario a través do que quedará constancia de que a foto é da súa propiedade.

A partir de aí, o usuario poderá comentar calquera fotografía e adquire a posibilidade de compartir co deportivismo unha nova imaxe. Cando efectúe a cesión directa da instantánea, esta non será visible de inmediato, pois deberá recibir o visto e prace en función de diversos estándares de calidade fotográfica e valor histórico.