RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Recuperación para os titulares onte e intensidade para o resto do cadro na primeira sesión semanal do Dépor

Sen tempo para o descanso, o Deportivo volveu esta mañá ao traballo en Abegondo a dous días de debutar na Copa do Rei, na primera eliminatoria, a partido único este mércores 1 de decembro ás 20:00 horas no Estadio de La Condomina ante o UCAM Murcia CF.

"É unha competición moi interesante nunha chea de aspectos e confío plenamente en que teremos as nosas opcións de pasar, independentemente de que nos tocou posiblemente o sitio máis lonxe de España onde puidésemos ir, que as viaxes non é coller un voo e chegar alí... Pero é así. A competición é así. Oxalá teñamos esa capacidade de pasar a eliminatoria porque nos vai a permitir ter a todos os xogadores conectados. A miña experiencia en Miranda coa Copa Federación foi moi positiva, porque o que ao principio che parecía unha competición menor, pois vas pasando eliminatorias, mantén a todos os xogadores activos e moitos deses xogadores que se mantiveron activos nun tramo importante do calendario logo foron decisivos nos momentos de verdade. Ou sexa que é unha moi boa oportunidade para moita xente que ten menos minutaxe", comentaba onte Borja Jiménez na rolda de prensa post-partido en ABANCA-RIAZOR.

Os futbolistas titulares ante o Athletic Club B realizaron esta mañá tarefas de recuperación, con carreira continua, estiramentos, ximnasio e fisioterapia.

Para o resto do cadro, incluídos Álex Bergantiños, Mackay e Quiles, que xogaron de inicio onte en ABANCA-RIAZOR, e Alberto, no once inicial do Fabril en Arzúa, a xornada foi de alta intensidade, con quecemento, un exercicio de posesión, un partido a metade de campo 2 e un torneo de partidos en espazo reducido para concluír.

O técnico deportivista reiteraba onte que "temos un cadro moi amplo. Cada semana, cando non poñemos a un, preguntádesme por que non xoga; ou #ANOSAFORZA pregúntase porqué non xoga. É un momento idóneo para que demostren todo o talento que eu non teño ningunha dúbida, pero si que o imos a poder ver. Oxalá podamos non só pasar esta eliminatoria, senón a seguinte e aguantar o máximo posible na competición porque cando te pos o escudo do Dépor hai que saír a gañar sempre, sexa un amigable, Liga ou Copa do Rei. Temos que gañar e a min persoalmente a Copa gústame moito polo seu formato", engadiu.

Hoxe luns, ademais do citado Alberto, a representación de #ANOSACANTEIRA correu a cargo de Noel, Trilli e Yeremay.

Mañá martes, o Deportivo adestrarase a partir das 11:00 en Abegondo. Ao concluír, Borja Jiménez dará a lista de convocados que pola tarde, vía Alacante, desprazaranse a Murcia.