RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Representamos a un Club que gañou a Copa dúas veces e temos que estar á altura", lembra Natxo

Natxo González lembrou esta mañá na sala de prensa de Abegondo, na véspera do partido de Copa do Rei (segunda eliminatoria) de mañá mércores 12 de setembro en Zaragoza (21:00 horas, Gol), que "imos representar a un Club que gañou esta competición un par de veces e temos que estar á altura do que esta afección se merece. Afrontalo coa maior ilusión".

Lembra que o actual formato da Copa do Rei fai que "partes da base que non vas pelexar por un obxectivo ambicioso. Está para o que está. Non quita que tes unha competición máis que vainos ben para todos, para que todos vaiamos competindo. É o maior beneficio. Ademais temos unha viaxe de 900 quilómetros hoxe. Ou sexa que cremos que é boa esta competición para o que é. Sen a ilusión de poder conseguir un obxectivo final que é a de gañala".

O técnico deportivista recoñece que "é probable" que o Dépor presente moitas novidades no once de La Romareda: "Non fai nin 48 horas que acabamos o partido de liga. Esa é outra. O rival ten un día máis de descanso que nós para afrontar o partido"; e confirmou a titularidade do italiano Somma no centro da zaga.

Confesa no seu retorno a Zaragoza, o seu último equipo antes de chegar á Coruña, que "o que me fai ilusión é volver ver xente coa que convivín moitas horas, moi boa xente".

En referencia á afección maña, subliña que "non matei a ninguén. Tomas unha decisión profesional que creo que é a mellor para min. Se hai un sector que non lle gustou, síntoo. Mentres estiven alí dediqueime en corpo e alma a ese Club, como estou a facer aquí e como fixen toda a miña vida".

Do Zaragoza, explica que apenas tivo cambios no seu cadro: "A base é a do ano pasado, con 3 ou 4 incorporacións. Está a seguir a corrente positiva coa que acabou a temporada pasada. É un equipo consolidado, ha ir creando xogadores top para a categoría e segue crecendo".

De cara a afrontar tamén o choque de liga do próximo sábado 15 de setembro en Alcorcón (20:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV), apunta Natxo González que "hoxe viaxamos 20 e logo o xoves incorporaranse o resto dos que quedan aquí. O xoves á hora para comer estaremos todos en Los Ángeles de San Rafael, tanto os que competimos en Zaragoza, como os que quedan aquí (en Abegondo), como os lesionados".

Preguntado por Borja Valle, indica que sufriu "un golpe forte no dedo pequeno do pé (dereito). Poida que haxa unha pequena fisura. É unha zona moi delicada e tratamos na medida do posible que en canto saia ao campo o impacto non lle poida afectar".