RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Resultados da enquisa de hábitos e preferencias do Deportivismo

O Real Club Deportivo quere agradecer a todas as persoas que responderon á enquisa realizada entre parte da masa social do Club o seu tempo e achegas a un traballo que permitirá seguir mellorando a relación coas socias e socios, adecuando todas as estratexias de traballo ás demandas e suxestións realizadas polos participantes. A todos convidóuselles ademais a participar no sorteo dun agasallo do Dépor: unha camiseta desta temporada, asinada, que será para Marta Castelo, após o sorteo realizado mediante a app Sortea2.

Máis dun milleiro de socios e socias do RC Deportivo responderon á enquisa elaborada polo Club xusto antes de comezar esta temporada para coñecer as súas opinións, hábitos e preferencias ao redor do Deportivo e do deporte.

Exactamente 1.177 persoas participaron no traballo, o que supón un erro estatístico do 2,85%. Dos participantes un 84% foron homes. Do total de enquisados o 77,6% están en activo, un 11,84 son estudantes e o resto distribúense entre situación de desemprego e pensionistas.

Máis da metade (55,8%) contan con formación universitaria, case unha cuarta parte (23,3%) con formación profesional e un 13,4% con, polo menos, o bacharelato completado. A franxa de idade con máis participantes é a de 35-44 anos (31,2%), seguida pola de 25-34 anos (27,7%), 45-54 anos (19,7%) e 18-24 anos (11,5%). O resto (6,5%) sitúase por encima dos 55.

Residentes na Coruña cidade (41,1%), a súa área metropolitana (19,8%) e o resto da provincia da Coruña (15%), tamén houbo participación de Deportivistas doutros puntos de Galicia (9,1%), resto de España (11%) e Europa.

O 80,8% non forman parte dunha peña e entre os que si, o 11% dunha agrupación con sede na Coruña. Do total, o 30% son socios do Dépor desde hai menos de 5 anos, o 21,8% leva abonado entre 10 e 19 anos, o 18,3% entre 20 e 29 anos, mentres que entre o lustro e a década de asociación sitúase o 17,9%. O 8,6 por cento supera o tres décadas con carné do Deportivo.

Os 5 atributos que máis Deportivistas asocian ao Club son Sentimento, Afección, Paixón, Forza e Riazor.

Ademais do fútbol, os deportes que máis seguen os Deportivistas enquisados son baloncesto, tenis e fútbol sala, mentres que á hora de practicalos decántanse polo atletismo, sendeirismo, montañismo ou escalada e o ciclismo.

O 84,5% utilizan Whatsapp para as súas comunicacións no día a día, seguido de Twitter (57,6%), Instagram (54,5%), Facebook (38,2%) e Youtube (37,1%). Xa por baixo do 10% atópanse Linkedin (9,1), Twitch (5,4) ou Tik Tok (4,6).

A televisión segue sendo a principal plataforma para seguir ao Dépor (82,2%) e o fútbol en xeral (89%), por diante das redes sociais (79,9 e 71%, respectivamente) ou a radio (63,3 e 66,4%). A prensa (61,3 e 59,6%) e a web do Dépor (51,1%) son as outros canles que usa máis da mita dos enquisados.

En canto ao coñecemento das marcas e a súa vinculación co Dépor, o 97,5% identifican a Estrella Galicia, o 92,5% a ABANCA, o 41,6% a Cabreiroá e o 38,1% a Macron, patrocinador técnico do Club até o pasado mes de xuño ou Luckia, cun 27,4%. Mercedes-Benz Louzao, Grupo Regueira, Pardiñas, Quirón Salud, Marineda City ou Termaria tamén son recoñecidas como patrocinadoras do Dépor, igual que Kappa, actual sponsor do material deportivo.