RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Revuelta, xogador deportivista no retorno a Primeira liderado por Amancio, faleceu aos 80 anos

José Antonio Revuelta Rascón, futbolista do RC Deportivo na Temporada 1961-1962, na que se logrou o ascenso a Primeira, faleceu este mércores 1 de maio á idade de 80 anos.

Nacido o 4 de outubro de 1938 en Boñar, na provincia de León, Revuelta –tamén coñecido como Revuelta II ao compartir andanzas futbolísticas co seu irmán maior, Julio– reforzou ao Deportivo no verán de 1961, cando os branquiazuis comezaban a súa quinta campaña consecutiva en Segunda División. Para afrontala, a directiva presidida por Jesús Cebrián Brizuela contratou como adestrador a un home con ampla experiencia ás súas costas como Juan Otxoa, após despedir a Jesús Barrio, co que nas dúas campañas anteriores estívose moi preto do ascenso, cun cuarto e un terceiro posto.

O cadro tamén sufriu notables cambios. Para compensar as abundantes baixas –como as de Rabadán, Zamora, Rafa, Luisín, Collar ou o retirado Ponte–, o Deportivo fíxose cos servizos do porteiro Pampols (Zaragoza), os defensas Pegaso, Igartua (ambos os dous do Sestao), Aurre (Barakaldo) e Lariño (que regresaba dunha cesión ao Sporting de Gijón), os centrocampistas Botanita (Cádiz), Alonso (tamén do Sestao), Ledo (Racing de Ferrol) e Bellón (Avilés) e os dianteiros Gento II (cedido polo Real Madrid), Fernando Mendonça (de regreso tralo seu breve paso 4 anos antes, procedente do Gil Vicente) e Revuelta (Cultural Leonesa).

Habitualmente extremo esquerdo, aínda que tamén actuou nalgunha ocasión pola dereita, Revuelta debutou coa camiseta branquiazul o 3 de setembro de 1961, no partido que abriu o campionato, ante o Salamanca en Riazor, e que concluíu con triunfo por 4-1. Naquel mesmo mes anotou o máis importante dos seus 2 goles co Deportivo. Na 4ª xornada, na súa visita a Balaídos, o Deportivo caía no derbi ante o Celta. Revuelta logrou o tanto do empate definitivo (1-1) no tempo de prolongación da segunda parte.

En total, Revuelta xogou 12 partidos coa zamarra deportivista: 11 en Segunda División e 1 en Copa. O seu outro tanto se produciu no triunfo ante o Sporting de Gijón (4-0) en Riazor, na 9ª xornada. A última vez que se enfundou as cores branquiazuis en choque oficial tamén foi ante o cadro asturiano, na segunda volta, o 18 de febreiro de 1962, no triunfo coruñés por 2-4.

Un mes máis tarde, o Deportivo selaba o seu retorno a Primeira División, ao cabo dunha gran temporada –sen unha soa derrota en Riazor– protagonizada por un estelar Amancio, autor de 25 goles que lle valeron o trofeo Pichichi e ao Club un suculento traspaso do 'Bruxo' ao Real Madrid.

Máis adiante, Revuelta aínda participou no oficioso Trofeo de Campións, entre os vencedores dos dous grupos de Segunda División (Deportivo e Córdoba) e nalgún amigable máis a comezos da Temporada 1962-1963. En novembro de 1962, ao non contar para o novo técnico Enrique Rabassa, abandonou A Coruña rumbo ao Granada CF, no que foi compañeiro de dous ilustres exdeportivistas: Juan Ignacio Otero e Arsenio Iglesias.

O RC Deportivo desexa mostrar as súas máis sentidas e sinceras condolencias a familiares, amigos e excompañeros de Revuelta. DEP.