RCD / NOVAS

'Riazor 75: Recordos dun océano de soños' xa recibiu a visita de máis de 3.000 persoas

10/07/2020 19:25

O Kiosco Alfonso alberga, desde o pasado xoves 18 de xuño até o domingo 2 de agosto, a exposición 'Riazor 75: Recordos dun oceáno de soños', que durante as tres primeiras semanas de portas abertas xa recibiu a máis de 3.000 visitantes.

Os horarios de apertura da mostra, de acceso gratuíto, son de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas, de luns a domingo.

Grazas a 'Riazor 75: Recordos dun oceáno de soños', os afeccionados poden rememorar a historia do Estadio branquiazul, que hai uns meses cumpriu 75 anos de existencia.

A Fundación RC Deportivo organiza, xunto ao Concello da Coruña, unha mostra cuxo eixo principal son 75 partidos, tanto oficiais como amigables, protagonizados polo conxunto branquiazul sobre o terreo de xogo do recinto municipal. A exposición tamén conta con espazos para outro tipo de competicións que tiveron lugar en Riazor ao longo destes 75 anos, como partidos de seleccións españolas e galegas, torneos de verán, a Copa do Mundo de 1982 e mesmo probas de atletismo e ciclismo.

Preto de 90 obxectos, entre os que se atopan camisetas, trofeos, entradas ou bandeirolas, e máis de 70 fotografías, ademais de 11 ilustracións de gran formato, tamén presentes no libro oficial do 75 aniversario do recinto, acompañan aos visitantes no seu percorrido pola historia do Estadio de Riazor.

Igualmente, diversas pantallas mostran imaxes de competicións e eventos que tiveron lugar no Estadio, así como planos xenerais e aéreos e mesmo de diferentes obras. Unha destas pantallas, ademais, mostra unha inédita animación 3D na que se pode observar con todo luxo de detalles a evolución de Riazor desde o comezo das obras en 1939 até o seu estado actual.