RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Richard Barral recoñece que sen o acordo con ABANCA "teriámolo moi difícil para manternos en Primeira"

O Director Deportivo do Club, Richard Barral, compareceu esta mañá na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR, tras finalizar o mercado de fichaxes para este primeiro tramo da Temporada 2017-18.

Recoñeceu que sen o acordo entre o Deportivo e ABANCA alcanzado a principios deste verán, "con isto que saíu dos 21 millóns de euros, teriámolo moi difícil para manternos en Primeira División". "Non poderiamos facer equipo nin manter moitos xogadores do cadro", engadiu.

Cre que "o cadro cada ano avanzou. Daquela o que queda é o rendemento. Partimos agora dun cadro que todos cremos que é de nivel para estar tranquilos en Primeira División e logo está o rendemento, que ninguén o sabe".

Así pois, asegura que "todo o equipo da Secretaría Técnica estamos contentos co que veu sobre todo en posicións que pelexamos moito con outros equipos".

Explicou a fichaxe do porteiro Costel Pantilimon, que xurdiu "coa lesión de Rubén. Como era o último día de mercado pedímoslles aos médicos unha valoración inicial. Parece ser que podería ser un pouco máis seria. Pensamos que podería pasar algo a Tytoń e terían que asumir a portaría os porteiros do B". Confesou que ao internacional romanés xa o seguía a dirección deportiva, "pero tiñamos o problema económico. Aí veu a chamada a Gino Pozzo, que lle estamos moi agradecidos. Axudounos moito no tema económico, asumiron gran parte do salario, e a cesión totalmente gratuíta".

Comentou que o tope salarial co que contou o Deportivo este verán é "moito maior que as outras temporadas pero tamén o custo do cadro e o custo do xogador subiu nunha proporción case tan grande". "Calculo que 10 ou 12 millóns de euros máis que a temporada pasada, pero non sei a cifra exacta", puntualizou. Neste sentido, recalcou que "o gastamos todo, non nos quedamos nada".

Preguntado por Florin Andone, subliñou Richard Barral que "houbo dúas ofertas moi importantes da Premier, sobre todo a última que se mantivo ata o último día. Pero a decisión do Presidente do Consello é non debilitarse e simplemente vender por tres razóns, unha porque paguen a cláusula, dúas porque tes un recambio do mesmo nivel ou maior e tres porque o xogador decida irse e póñao complicado".

A xuízo do Director Deportivo branquiazul, o Dépor "considera que manter un ano máis a Florin, agora coa chegada de Adrián e Lucas, temos unha das dianteiras a priori máis importantes".

A pesar de que non hai canteiráns entre as 25 fichas, Richard Barral lembrou que "hai xogadores da canteira adestrando habitualmente co primeiro equipo e que se lles vai a facer contratos importantes. Edu Expósito está desde o primeiro día, Óscar Pinchi está desde o primeiro día pero tivo a mala sorte de lesionarse. Hai que deixalos madurar. Non é fácil xogar en Primeira División".