RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rivas, xogador branquiazul entre 1970 e 1976, faleceu aos 67 anos

José Antonio Rivas Fuentes, xogador do Fabril entre 1970 e 1974 e do primeiro equipo deportivista nas Temporadas 1974-1975 e 1975-1976, faleceu este martes 25 de setembro na Coruña á idade de 67 anos.

Rivas formou parte do Deportivo que se proclamou campión de Terceira División no único curso da súa historia na devandita categoría. O centrocampista coruñés disputou aquela temporada 22 encontros para axudar ao conxunto branquiazul a recuperar o seu lugar na categoría de prata. O seu debut produciuse en Riazor, fronte ao Deportivo Gijón, o 1 de decembro de 1974, con vitoria por 2-0, en choque correspondente á 12ª xornada de Terceira División.

Na campaña seguinte, Rivas só formou en 3 partidos co equipo herculino. Cos 4 que disputou en Copa de España, suman os 29 choques oficiais nos que defendeu a camiseta deportivista. O seu último encontro foi o 23 de maio de 1976, contra o Murcia, que se impuxo en Riazor (2-3) na 36ª xornada de Segunda División. Posteriormente, ficharía polo Compostela.

Rivas, formado na Ciudad Jardín, chegara máis dun lustro antes á estrutura branquiazul. Debutou co Fabril aos 19 anos, na Temporada 1970-1971. Co filial deportivista xogou catro campañas, nas que celebrou un ascenso a Terceira, cando aínda non existía a Segunda División B. Foi á conclusión do exercicio 1970-1971, na lembrada promoción fronte ao Barreda cántabro.

Co Fabril, Rivas disputou 87 encontros oficiais, nos que anotou un total de 12 goles.

O RC Deportivo quere mostrar as súas máis sentidas e sinceras condolencias a familiares, amigos e ex compañeiros de Rivas. DEP.