RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Romay e Uxío, reforzos galegos para o Fabril de Segunda B

Dous dos mellores futbolistas galegos durante a temporada recentemente finalizada, o centrocampista Romay e o dianteiro Uxío, xogarán a próxima campaña no Fabril.

Jorge Manuel Romay Santiago (Malpica de Bergantiños, 29 de xullo de 1990) regresa á disciplina coruñesa tres anos despois da súa marcha.

Romay foi xogador branquiazul nas Temporadas 2012-2013 e 2013-2014, chegando a xogar varios encontros amigables co primeiro equipo (8, anotando 2 goles) no verán de 2013. Co Fabril, Romay disputou un total de 72 partidos, nos que asinou 11 tantos. Na súa primeira campaña, foi indiscutible no filial que caeu inxustamente na eliminatoria final de ascenso a Segunda B fronte ao CD El Palo.

Tras a súa saída do Club militou unha campaña nun conxunto austríaco da segunda categoría, o Austria Lustenau (2014-2015). Ao seu regreso ao noso país, o mediapunta malpicán foi peza crave do ascenso do Boiro no curso 2015-2016. Romay vén de disputar 37 encontros e anotar 6 goles co equipo barbancés en Segunda División B.

Romay conta no seu curriculum con 121 partidos e 11 goles na categoría de bronce, a maior parte deles co Montañeros (2009-2012).

- Foto:@CCDCerceda -

Pola súa banda, Uxío da Pena Gutiérrez (Lugo, 3 de agosto de 1990) proclamouse máximo goleador do grupo 1º de Terceira División o pasado exercicio, con 27 goles.

Uxío vivirá co Fabril a súa primeira experiencia en Segunda B, tras xogar co Eume Deportivo (2011-2013) e o Atlético Arteixo (2013-2014) en Primeira Autonómica e co Cerceda (2014-2017) en Terceira División.

Nas súas tres temporadas en Terceira División co conxunto cercedense, Uxío anotou 45 goles en 81 encontros.