RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rubén de la Barrera non fala de baixón porque advirte que "temos un reto por diante"

Rubén de la Barrera manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o partido ante o Zamora CF estivo "ben xogado pola nosa banda. Logramos continuidade desde a vitoria ante o Pontevedra CF. O equipo experimentou unha melloría evidente. A realidade é que temos que levantarnos e disputar o que queda de cara a conseguir esas dúas prazas para a próxima competición. Non hai máis. Pretendiamos xogar polo máximo que era o ascenso a Segunda División A. Non puido ser. Pero o que ten que ser é manter esta liña semanal durante todas as fins de semana para ir crecendo e que o equipo xa non só xogue como o está facendo nos dous últimos partidos senón que aínda aumente aínda máis a súa capacidade".

O técnico deportivista insiste en que "baixón non pode supoñer. Decepción evidentemente lóxica pero baixón non porque hai cousas en xogo. A temporada non se acaba no partido de hoxe. Temos un reto por diante; e iso témolo que abordar e témolo que afrontar así. Non hai máis. Nun primeiro momento pretendiamos loitar por outra cosa pero isto témolo que aceptar; e temos que seguir crecendo e enchéndonos de argumentos para levar a este Club onde ten que estar".

Por este motivo, céntrase xa en "afrontar o seguinte partido co obxecto de facelo moi ben, gañalo e seguir. Non deixar de competir e non deixar de gañar; máis aló de clasificacións e de ligas. A polo seguinte e a gañar o que vén".

Sen ningunha dúbida apunta que o equipo chega a esta segunda fase no mellor momento "polo que se está facendo, porque nos dá rédito no resultado. Máis aló diso percibo un equipo con fame, con ritmo, que manexa ben os tempos do partido, que ten recursos á hora de defender e de atacar. Afortunadamente iso estanos permitindo potenciar aos xogadores individualmente falando. Iso é unha boa noticia. Agora vémolo desde onde o vemos pero o equipo vai moito máis e ten que facelo aínda mellor".

Explicou que Salva Ruiz viuse obrigado a pedir o cambio por "algunhas cambras que sentiu. Esperemos que non sexa nada".

Finalmente, preguntado polos seguintes rivais (CD Numancia, Marino de Luanco e UP Langreo), Rubén de la Barrera afirmou que "hai certo coñecemento e a partir de agora profundaremos".

Pola súa banda, David Movilla, técnico do Zamora CF, opinou que "a entrada ao partido foi boa. Tivemos dez, quince minutos onde o Dépor non se estaba impoéndo. Queriamos aguantar o arreón inicial. Con esa perda de balón froito da súa boa presión, adiantáronse no marcador e viñeron os mellores minutos do Dépor. Até o minuto 30 foron superiores. Do 30 ao descanso equilibramos un pouquiño. Tiñamos dificultades para saír da súa presión. Na segunda parte tivemos fases de poder crecer no xogo pero o Dépor non só ten extraordinarios futbolistas senón que tamén son gañadores de duelos, teñen un nivel de intensidade e agresividade moi elevado e non tivemos a capacidade para saír todas as veces que nos gustou da súa boa presión".