RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rubén de la Barrera: "Teño por diante un desafío, un reto marabilloso co meu Club no que unicamente atendemos a un obxectivo, que é o ascenso"

Rubén de la Barrera foi presentado este mediodía como novo adestrador dos Deportivo minutos despois de dirixir a primeira sesión de traballo cos futbolistas branquiazuis.

Após posar para os medios gráficos tanto el como o seu equipo de traballo que se incorpora ao Club (Secho e Julio Hernando), o novo técnico deportivista compareceu na sala de prensa de Abegondo acompañado polo Presidente Fernando Vidal.

Precisamente o máximo dirixente branquiazul tomou a palabra en primeiro lugar para darlle a benvida e presentalo como "un coruñés de 36 anos do barrio de Elviña. Tivo a ousadía e valentía de saír da nosa terra a buscarse o cocido e formarse como adestrador. Cousa que lle honra. Admiro este tipo de persoas con esa valentía e capacidade de saír fóra e sufrir. Cando un sae fóra tan novo pasa momentos malos. E a necesidade fai que sexas mellor. Faiche ser mellor".

Desvela que se tomou a decisión da súa fichaxe "a proposta da Dirección Deportiva. Nós estamos encantados de que sexa así, que sexa un adestrador coruñés. Resulta curioso que nos 115 anos de historia do Club tivésemos tan poucos adestradores coruñeses. Ao que é a miña memoria deportivista, que pode roldar os 50 anos, pódeseme escapar algún pero Rubén sería o cuarto: José Manuel Corral, Luis Suárez e Carlos Torres, que estivo pouquiño tempo na temporada do descenso a Terceira División. Non é un feito habitual que un coruñés lidere o banco do Dépor. Desexámoslle toda a sorte do mundo, que será a nosa. Estamos convencidos que o obxectivo que temos marcado, que non é outro que o ascenso, ímolo a lograr. Todos xuntos, unidos. Niso estamos".

Rubén de la Barrera agradeceu en primeiro lugar "á entidade e ás persoas que a conforman pola confianza depositada en min e no meu staff. E doutra banda, o meu recoñecemento e admiración cara ao anterior corpo técnico encabezado por Fernando Vázquez. Como deportivista que me considero valoro enormemente todo o que significa el para este club e o que seguirá significando independentemente de que se produciu este cambio. Todo o que permitiu o anterior corpo técnico empregarémolo para seguir dando alternativas e posibilidades ao equipo".

Confesa que "sempre tiven unha ilusión, a lóxica, a de poder adestrar neste Club. Pero máis que unha ilusión, o que teño por diante é un desafío, un reto marabilloso co meu Club no que unicamente atendemos a un obxectivo que é o ascenso. E para conseguir o ascenso dependemos de moitísimas cousas. A principal é o valor do día a día; e darnos a man e non soltarnos desde este momento até o último segundo do último día. Teño experiencia neste tipo de competicións. Vivín algo que pretendo revivir en pouco tempo. Sei o que quero e isto é de todos. Por tanto imos ir con todo".

Insiste en que "vimos a 'full' e a por faena. Somos conscientes do momento no que estamos, do que houbo até este momento en canto a datas e partidos e o que queda por vir. Vexo que sinto a necesidade de outorgarlle ao equipo de recursos para que teña opcións de gañar todos os partidos. Concíboo desde o merecer o resultado, ser dominador, ser protagonista, ser mellor que o rival. E iso pasa por crear o maior número de ocasións de gol e conceder nada ou menos que todo iso. E iso vainos a esixir cousas. E pasa por superar presións, saber atacar a equipos que nos defenden máis preto da súa propia portería, saber defender ben arriba, no noso propio campo, ser fortes a balón parado".

Márcase como obxectivo que "este equipo conecte e enganche con todo o mundo desde o primeiro momento; que transmita enerxía e paixón en todo o que vai facendo; e que #ANOSAFORZA, que é o máis importante que temos, séntase orgullosa de todos nós".

Rubén de la Barrera atopouse en Abegondo "un vestiario aberto, que escoita, que quere e repleto de boa xente. Isto vinculado á presión ten que ver coa historia e o que significa este Club a todos os niveis: a nivel internacional e nacional. Agora ben, habemos de ser conscientes nosa realidade chámase Segunda División B e non ocorre nada. Temos que convivir con iso e asumir que somos favoritos ao ascenso e que temos que ascender. Afróntase isto desde a seguridade que por parte de todo o mundo habemos de transmitirlle ao equipo en todo momento. Mostrarnos estables cando as cousas van moi ben e cando as cousas non vaian tan ben. Non podemos oscilar, fluctuar emocionalmente falando en función do que vaia sucedendo. Somos conscientes de que hai que gañar pero para gañar hai que facer unha serie de cousas antes".

Vai darlle valor "ao día a día, ao proceso, ao adestramento, a construír unha familia, un vestiario que xa existía e que pretendemos manter. Queremos ofrecerlle recursos aos xogadores porque estamos para axudarlles. Son o noso principal valor. O noso obxectivo é xerar aínda máis, que séntanse cómodos, que séntanse con posibilidades. Queremos xerar mentalidade gañadora desde o primeiro momento e iso pasa por ser dominador nos partidos porque a competición che vai a obrigar a dar un paso máis".

Pide a #ANOSAFORZA que nos xuntemos, que nos fagamos moi fortes porque estou convencido que imos gozar de moitas cousas bonitas. Sei o que digo, sei o que falo. Aquí somos do Dépor a matar. Imos co Dépor a morte. O máis importante que temos son a afección, a masa social que está a mostrar que é de primeirísima división; e o cadro de xogadores. Estes dous elementos habemos de cohesionalos, habemos de fixalos".

Tómase a súa fichaxe polo Dépor "como mo teño que tomar. Se deixo de estar a traballar nun lugar como estaba en Romanía e chámame o Club da miña vida; e todo o mundo sente que é o momento e coas persoas que ten que ser, tremendo".

Sobre o novo sistema de competición, "é o que é. Isto é o que hai e baixo estas circunstancias témonos que impoñer. É así de sinxelo. Habemos de preparalo para iso. Non vai ser ningunha desculpa".

"Eu vou para adiante, vou a 'full', eu non me paro, eu non miro atrás. Hoxe sentín cousas moi chulas e imos convencer a esta xente para que me sigan, para que nos acompañen, para ir todos xuntos a por iso", subliña.

Pechou o acto Fernando Vidal, quen lembrou respecto ao mercado de inverno "as necesidades económicas que ten o Club nunha división que non é rendible para ningún club; nunha situación moi complicada polo tema COVID. Apenas temos ingresos por socios, despachos de billetes, vendas... Complicouse moitísimo xestionar un orzamento. Pode xurdir a posibilidade de que un activo se poida marchar a condición de que a oferta que se poña encima da mesa sexa satisfactoria para a entidade. Non imos regalar a ningún xogador. A ilusión que temos é poder manter este grupo. Melloralo é complicado. En primeiro lugar tería que haber baixas. Só temos unha ficha libre que é sub-23, pero profesionais non temos ningunha. Tería que haber algunha baixa".