RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rubén Martínez, claro sobre o seu futuro: "Traballo para quedarme aquí, para xogar"

Rubén Martínez pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo. O meta coruñés cualificou como "moi bo" o seu paso polo Anderlecht, equipo co que disputou a pasada temporada varias eliminatorias da UEFA Europa League. "Tiven a oportunidade de xogar Europa, que era unha das cousas que buscaba cando marchei. Pasamos dúas eliminatorias, tivemos posibilidades contra o Manchester. Moi contento pola experiencia", subliñou.

Afronta o seu regreso ao Dépor "como todas as pretemporadas, traballando para porse en forma física canto antes".

Asegura sobre o seu futuro que "traballo para quedarme aquí, para xogar. Despois se veñen porteiros non é algo polo que me teña que preocupar. É unha cousa do Club. Se cre necesario traer outro porteiro, pois benvido sexa. Aquí o importante é o Club, e é o que manda".

Non teme á competencia no seu posto, é máis, lembra que "isto é fútbol. Nunca se sabe o que vai pasar. Se traen a un porteiro primeiro ten que xogar e se xoga seguirei loitando como ata agora".

Advirte en canto ao equipo que "estamos a empezar. Hai moitos rapaces. Están a facer unha magnífica pretemporada. De momento o traballo é moi bo, collendo cousas deste adestrador. Agora ten máis tempo para aplicalas. Cando veu a metade de ano era difícil. Estamos a coller cousas, collendo forma física, detalles do adestrador..."

Tivo palabras para Álex, que hoxe mesmo se despediu do Dépor: "Non deixa de ter unha parte triste. Xente formada aquí que ao final marcha despois de moitos anos: Laure, el, Poroto (Lux). Xente da casa que se marcha. Ao final isto é fútbol, unhas veces contan connosco, outras veces non. Hai que adaptarse".

Nesta liña, Rubén deséxalle a Álex "a máxima sorte. Seguro que a vai a ter". Eloxia o meta de Coristanco ao mediocentro coruñés: "Capitán, comportamento exemplar, todo o que se poida dicir de Álex é positivo. Sempre boa actitude, traballo, calidade. Só hai palabras positivas cara a Álex".