RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rubén: "Para ir a un campo como o Camp Nou necesitamos crer en nós"

Rubén Martínez compareceu esta mañá ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.

O meta coruñés subliñou que a visita do Deportivo ao FC Barcelona este domingo 17 de decembro no Camp Nou (20:45 horas, Movistar Partidazo) é "moi complicada. Bonita de xogar para todos, pero moi complicada, aínda que vimos con boas sensacións do último partido".

Precisamente ese triunfo do pasado sábado ante o CD Leganés no Estadio ABANCA-RIAZOR "sempre dá un plus de confianza a todo o mundo. Para ir a un campo destes, necesitamos crer en nós".

Rubén destaca que ese triunfo, coa portería a cero, "sempre é bo, tanto para o porteiro persoalmente como para o equipo. O equipo estivo espectacular en defensa. Non concedeu nada ao Leganés. Iso é perfecto. Confianza para todos. Ademais temos xente de calidade que pode crear ocasións. Moi contento por esa portería a cero".

Este domingo, neste partido pertencente á 16ª xornada de LaLiga Santander, "necesitamos a concentración de todos, facer un partido perfecto. Que eles ademais non teñan o seu mellor día, e provocarllo nós tamén. E aínda así será complicado sacar algo alí. Temos que ir con mente positiva".

Desvela que no vestiario, os futbolistas coinciden, segundo Rubén, que "é moi difícil enfrontarse a eles, aos xogadores que teñen, á súa forma de xogar. É moi complicado. Teñen unha calidade... Son os mellores xogadores do mundo. Coméntase a calidade que teñen, como xogan, os pases que dan, os controis... É difícil defendelos, correr detrás do balón, ter que traballar en defensa, despois estar canso e manter o balón. Cousas así comentamos".

Explica que Cristóbal Parralo está a facer fincapé durante os adestramentos desta semana en "pequenas cousas, en como facerlles dano a eles. Ímolo adestrar. Levamos dous adestramentos. Onte foi de readaptación, hoxe foi máis de traballo táctico de cara ao partido. Seguimos traballando pequenas cousas. Hoxe tamén vimos vídeos, corriximos erros. Queda unha semana longa, haberá tempo para traballar".

Despois de estar durante 10 anos nas categorías inferiores do Barça, o porteiro deportivista recoñece que é un partido especial: "Formeime como persoa. Sempre estarei vinculado a Barcelona e ao Barça. É sempre especial, e sempre difícil tamén".

Lembra coincidir con varios integrantes do cadro culé, caso de Andrés Iniesta: "Xa foron marchando porque eu tamén me fago maior. Pero sempre queda xente da casa como Carlos Naval (delegado), Chema, o utilero... Xente da casa e do Club que sempre gusta ver".

Do Barcelona, opina Rubén que "está ao mesmo nivel para min que noutras temporadas porque está a ser máis eficaz que outros anos. Será igual ou máis complicado", insiste.