RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Sabor agridoce no vestiario por "un punto que nos sabe a pouco"

Ian Mackay e Adrián Lapeña atenderon aos medios de comunicación tralo partido en Talavera, resolto en igualada.

O capitán branquiazul cre que "na primeira parte non estivemos todo o fluídos que nos gustaría. Metéronnos un gol nun descoido. Na segunda fomos moi superiores, non se achegaron á área e tivemos ocasións para levarnos os tres puntos. Non nos imos contentos pero sabemos que é un campo difícil, onde aos rivais cústalles levar os 3 puntos. Ímonos cun sabor agridoce".

Lembra o porteiro coruñés que a pesar dos tres meses sen gañar lonxe de ABANCA-RIAZOR "seguimos segundos na liga, que agora mesmo é o obxectivo claro. Temos que pelexar por iso, para chegar a final de temporada con boas sensacións e que ninguén nos quite de aí".

Do gol do CF Talavera de la Reina, Ian Mackay comenta que "é un descoido nun centro lateral. Remata só. Crúzase Jaime, non consigo ver a traxectoria do balón e acábaa metendo. Está a custarnos defender os centros laterais porque é onde nos están facendo ocasións de gol. Hai que seguir traballando para que non volva pasar".

Pola súa banda, Adrián Lapeña coincide con Mackay e afirma que "o punto nos sabe a pouco. Fixemos máis méritos para levarnos o partido. Pero o fútbol vai disto, se non a metes non levas os puntos. Temos que afinar máis a puntaría porque accións estamos a crear".

O defensor deportivista insiste en que "hoxe fixemos un bo partido. Tiñamos unha boa dinámica desde o finde pasado. Conseguimos meter só un. Quedamos coas boas sensacións e toca mellorar o que fixemos mal".

Lapeña advirte que en defensa "hai que estar concentrados os 90 minutos porque en calquera acción pódenche meter gol"; e márcase como obxectivo até o final "seguir sumando puntos, ter boas sensacións, afianzar esa segunda praza porque temos que chegar con boa dinámica e con confianza aos dous últimos partidos".