RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Satisfacción polo empate aínda que o vestiario xa pensa en Xixón

Celso Borges e Álex Bergantiños compareceron ante os medios informativos na zona mixta de Riazor.

O internacional costarriqueño apunta que "todo o que sexa sumar agora é moi positivo. Temos que manter ben a dinámica de grupo".

Opina Borges que, cara ao partido do domingo en Xixón ante o Sporting (12:00, Bein Sports), "hai que facerlle fronte ao calendario, sen escusas. Somos profesionais, sabemos o que isto implica. Esperar que haxa moita xente vendo ao Deportivo en Xixón".

A clave, segundo o mediocentro deportivista, é estar "mentalmente estable. Non deixarse levar. Non entrar nin moi frío nin moi quente. Os dous extremos son complicados. Mentres manteñamos unha ecuanimidade no noso ánimo, na nosa maneira de ver o xogo, creo que imos ter boas opcións".

Pola súa banda, o capitán Álex Bergantiños, describiu a xogada do seu choque con Fernando Torres, que acabou co dianteiro madrileño no Hospital HM Modelo da Coruña: "Un susto cando o vin caer inconsciente. Por sorte están a comentarme que as probas están ben. Pasareime logo a ver como está. Tentei saltar o máis nobre posible, chocamos cabeza con cabeza. Non espera a disputa porque está de costas. Un lance fortuíto. O importante é que me comentan que está ben".

Mostrouse tras o seu regreso ao equipo "agradecidísimo á xente. Sempre recibín apoio na rúa de todo o mundo. Agradecido de toda a xente que se interesa por min e tenme agarimo. Agradecidísimo á afección e que siga na liña de hoxe, que creo que recuperamos esa sintonía que fai falta de aquí ao final".

Cualifica o encontro do domingo ante o Sporting como "fundamental. Un rival que está na nosa pelexa e que xogamos no seu campo. Vai ser un partido duro".